publicidade hoxe

Corenta alumnos da gardería da Ulloa participaron no Programa de Educación Viaria do Concello de Oroso

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOroso
A-
A+
Xornada de educación vial na gardería

Xornada de educación vial na gardería

Un total de 40 nenos e nenas da escola infantil municipal “A Ulloa”, de idades comprendidas entre os 2 e os 3 anos, participaron esta mañá na sesión final do Programa de Educación Viaria, posto en marcha polo Concello de Oroso. Unha xornada final que foi impartida pola educadora familiar do Concello de Oroso, María José Mosquera.

As mestras da gardería acondicionaron unha das aulas para esta sesión, marcando un circuíto urbano no que instalaron diversos sinais de tráfico, cedidos polo grupo MAPFRE e feitos con materiais de reciclaxe (papel, cartón, madeira…). En primeiro lugar, María José Mosquera lembroulles aos pequenos o significado dos distintos sinais de tráfico instalados no circuíto (stop, semáforo, paso de peóns…) e despois os pequenos colleron as súas motos de xoguete para facer un percorrido polo mesmo: parando no sinal de Stop, respectando os pasos de peóns e agardando ao verde do semáforo para poder pasar. Tras superar o circuíto, os pequenos e pequenas recibiron os seus primeiros “carnés de conducir”. 

Obxectivos

Esta acción forma parte do programa de educación viaria do Concello de Oroso, que ten como obxectivo proporcionar a estes pequenos as pautas básicas e os coñecementos necesarios sobre seguridade viaria adaptados a súa idade. Un programa impartido ao longo deste mes de maio polas profesoras da gardería, mentres que a última sesión foi impartida pola educadora familiar.

Con este programa, o Concello de Oroso busca que os nenos e nenas adopten canto antes condutas, actitudes e hábitos relacionados no fomento da saúde, como tomar medidas de seguridade ante o tráfico, identificar zonas seguras para peóns e aprender os criterios de actuación correctos en educación viaria. Para iso, os cativos descubriron os elementos fundamentais do tráfico: rúas, beirarrúas, calzadas, vehículos, peóns… así como as diferentes formas de viaxar, prestando especial atención a saber cruzar correctamente algúns tipos de calles e como comportarse adecuadamente como pasaxeiro de vehículo privado e público.

19 de maio de 2015 | 19:03 • Sen comentarios

Comentarios pechados.