Continúa aberto o prazo para participar no concurso de Rock e o Certame de Artes Plásticas Isaac Díaz Pardo
Os dous son certames moi valorados no seu ámbito. O concurso de rock, ademais de optar a un premio económico de 3.000 euros (para o gañador), 1.500 euros (para o segundo e terceiro) ou 1.000 euros (para o cuarto e quinto clasificado), permítelles aos grupos participantes darse a coñecer xa que, despois dunha selección inicial a través das maquetas, os clasificados ofrecerán un concerto en directo.
Por outra banda, no caso do Isaac Díaz Pardo, o obxectivo é potenciar a produción plástica na provincia ao tempo que se honra a unha figura como foi este polifacético creador galego. Pódese concorrer ao certame con ata dúas obras. Ademais do cadro gañador, a Deputación adquirirá obras por valor de ata 40.000 euros e realizará unha exposición itinerante pola provincia.
Máis modalidades
Menos présa terán os artistas que queiran participar no X Premio Internacional de Arte Gráfica Jesús Núñez. Neste caso, o prazo de presentación ábrese o 1 de xuño e finalizará o 30 dese mesmo mes. O gañador levará 6.500 euros e contémplanse tamén dous accésit con dúas bolsas na Fundación CIEC de Betanzos.
Este ano ademais, tamén está convocado o premio decano da Deputación, o Torrente Ballester que vai xa pola XXVII edición. Neste caso, o escritor gañador levará 25.000 euros e verá publicada a súa obra. O prazo de presentación de novelas remata o 1 de xullo. O ano pasado, Berta Vías Mahou fíxose co galardón coa súa obra Yo soy el otro.
Tamén o Luís Ksado de fotografía repite neste 2015 e adquire así carácter anual. Nesta XII edición os fotógrafos terán ata o 28 de agosto para presentar os seus traballos.Ademais dos 6.500 euros que conseguirá a persoa gañadora, a Deputación organizará outra mostra itinerante, así como a edición dun catálogo desta.
Agora mesmo, está percorrendo Galicia a exposición antolóxica que conmemora o décimo aniversario do galardón, composta por todas as fotografías gañadoras nestes anos. O venres chegará á Fundación Abanca de Vigo.











