Construpama encargarase da restauración da fonte da praza Rafael Pazos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A fonte que preside a Praza Rafael Pazos de Vilaxoán recuperará o seu esplendor en cuestións de semanas, cando rematen os traballos de restauración que o Concello acaba de adxudicar á empresa Construpama. A actuación ten un custe de 16.037 euros que se financian con cargo ao Plan de Investimentos dos Orzamentos Municipais de 2015.
 
O proxecto de restauración da Fonte Tradicional da Praza de Rafael Pazos foi deseñado pola Oficina Municipal de Rehabilitación Urbana. Con este proxecto, o goberno local cumpre un dos compromisos adquiridos no seu día coa asociación de veciños de Vilaxoán que demandaban unha actuación similar á realizada o pasado ano na Fonte da Praza do Castro.
 
A estrutura emprazada na Praza de Rafael Pazos presenta na actualidade varias deficiencias que se resolverán coa actuación proxectada. A base do pilón é o elemento en pero estado xa que se aprecia o afundimento dalgúns bloques de pedra e se detectan numerosas fendas e fracturas. Tamén é preciso eliminar os inadecuados parches de pedra e cemento que se foron realizando co paso do tempo a modo de reparacións.
 
Tamén se resolverán os problemas da rede de abastecemento que afectan ao correcto funcionamento da fonte e se tratarán as patoloxías que afectan ao material pétreo debido á acumulación de sales e cal presentes na auga, como pola aparición de algas e plantas enraizadas nas xuntas e base do pilón polos depósitos de terra.
Por último, eliminaranse pintadas .
 
O proxecto pódese resumir en catro apartados.
 
1.- restauración da fonte, incluíndo limpeza, eliminación de sales, biodeterioro, pequenas reintegracións de material perdido, recuperación da estanquidade, substitución dos seus rexuntados de cemento0 e consolidación.
2. Reparación e mellora da rede de abastecemento de auga, desaugue e evacuación para restituír o correcto funcionamento da fonte.
3.- Dotación de iluminación á fonte co obxecto de valorizar e reforzar a súa presenza e simbolismo no contorno urbano.
4.- Substitución do pavimento no contorno da fonte, para enfatizar o monumento e crear unha zona de transición entre a plataforma da fonte e o pavimento da praza.
 
A Fonte da Praza Rafael Pazos non está catalogada, polo que a súa restauración non precisa da autorización de Patrimonio da Xunta de Galicia. Aínda así, o goberno local enviou xa hai uns meses o proxecto da actuación a´delegación provincial de patrimonio a efectos de que o revisen e, de ser o caso, aporten algunha consideración para mellorar a actuación que está previsto realizar.

22 de maio de 2015 | 10:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.