Concello de Ferrol e Racing colaboran para encher o fondo norte da Malata con noveis xogadores da comarca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+
Presentación da campaña de apoio á fase de ascenso

Presentación da campaña de apoio á fase de ascenso

O Concello de Ferrol, a través das Concellerías de Deportes e Turismo, e o Racing de Ferrol colaboran no obxectivo de achegar o maior número de afeccionados posible ao Estadio Municipal da Malata o vindeiro sábado 23 de maio no primeiro partido da eliminatoria de ascenso a 2ª A en que o club da cidade ten como rival ao Reus Deportivo e que comezará ás 16:30 horas. As edís, Susana Martínez Galdós e María del Carmen García Fraga, acompañadas da xerente do Racing de Ferrol, Cristina Valiño; e do responsable loca da Federación Galega de Fútbol (FGF), Manuel Mesa, presentaron hoxe no Pazo Municipal a campaña de apoio ao equipo verde con motivo deste importante partido.

Esta campaña de apoio ten como obxectivo de encher de xogadores federados nas categorías de infantil, cadete e xuvenil o fondo norte do Estadio da Malata, que se reabrirá para esta ocasión. Para conseguilo, o Concello de Ferrol entrega á delegación local da FGF un total de 1.650 entradas para que as reparta gratuitamente entre os clubes de fútbol da comarca. En concreto, estas entradas están destinadas a xogadores/as de base con idades comprendidas entre os 12 e os 19 anos. Así o explicou a titular de Deportes, que ademais lembrou que os menores de 12 anos de idade tamén entrarán de balde o vindeiro sábado na Malata, como vén sendo habitual ao longo de toda a tempada.

Ademais de facilitar co reparto de entradas entre as categorías de base dos equipos da comarca, outras iniciativas que se impulsan dende o Concello e o Racing consistirá na distribución dun total de 5.000 bufandas de papel co eslogan “Volvemos: a conquista de 2º” e 2.000 carteis polos diferentes comercios e establecementos hostaleiros de Ferrol que se poden recoller na Asociación de Empresarios e Hostaleiros de Ferrol, o Centro Comercial Aberto- A Magdalena e ás instalacións de A Malata. Este material de animación tamén estará a disposición de todos os afeccionados nas propias oficinas do Racing na Malata e no Bus Turístico de Ferrol, que dende hoxe estará estacionado na Praza de Armas, onde se atenderá ao público en horario de 11.30 a 13.00 horas e de 17.00 a 20.00 horas. Así mesmo, o tren turístico da cidade estará engalanado coas cores verdibrancas e desprazará aos afeccionados dende o centro de Ferrol ao estadio de fútbol da Malata.

“Quedada” da afección

E, por último, e co obxectivo de que a cidade viva unha xornada festiva e de convivencia en torno ao deporte, animar o ambiente previo ao partido e, ao mesmo tempo, dinamizar o comercio e a hostalaria locais, o vindeiro sábado a partir do mediodía pecharáse ao tráfico o treito da rúa María entre Terra e Concepción Arenal para a “quedada” das aficións. 

Pola súa banda, a xerente do Racing de Ferrol, Cristina Valiño, agradeceu o apoio incondicional do Concello de Ferrol así como a iniciativa “que permitirá abrir o fondo norte do campo e enchelo de mocidade”. Así mesmo, destacou a importancia do partido que se desputará o sábado “e aplaudimos esta proposta do Concello para que o prezo da entrada non sexa un impedimento”. Neste sentido, Cristina Valiño sinalou que durante esta primeira xornada de play off  de ascenso a 2º A “queremos que Ferrol viva un ambiente de festa”. 

20 de maio de 2015 | 18:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.