Concédese licenza de obra para a construción dunha nave industrial no parque empresarial

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA Laracha
A-
A+

Na última sesión da Xunta de Goberno Local o Concello da Laracha concedeu cinco licencias de obras maiores, das cales catro tiñan por finalidade a construción de vivendas unifamiliares e unha delas a creación dunha nave industrial no parque empresarial.

Este último proxecto foi presentado por unha empresa relacionada coa actividade da automoción. A nova infraestrutura terá unha superficie duns oitocentos metros cadrados e os promotores beneficiaranse dos incentivos fiscais contemplados polo Concello da Laracha para as sociedades que decidan investir e implantarse no polígono industrial. Entre ditas medidas cabe salientar a bonificación do 95% no imposto de construcións, instalacións e obras (ICIO), tal e como se establece na ordenanza fiscal municipal número 17. 

Certificacións de obras e facturas 

Os membros da Xunta de Goberno Local acordaron aprobar a última certificación parcial das obras do proxecto de mellora de estradas municipais nas parroquias de Montemaior e Torás, que incluíu actuacións nas vías O Xestal-Bustes, A Ferreira-Trixezo e A Barreira-Riotorto-Mirón, así como nos núcleos de O Sopé e Adrán. 

Ademais, autorizouse o pagamento das facturas correspondentes á prestación durante o último mes dos servizos de axuda no fogar por dependencia e do tratamento e xestión dos residuos sólidos urbanos na planta de Sogama en Cerceda. O importe conxunto de ditas facturas e da certificación parcial de obra sitúase en torno aos 45.000 euros.

22 de maio de 2015 | 19:00 • Sen comentarios

Comentarios pechados.