Comezan os traballos de instalación do novo alumeado do parque fluvial da Coca

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaVilagarcía de Arousa
A-
A+

A iluminación do parque fluvial da Coca verase mellorada de xeito notable nos vindeiros días coa instalación de 38 novos farois. Operarios do servizo Eléctrico do Concello comezaron hoxe a colocar as luminarias que substituirán ás que faltaban ou foron estragadas polos vándalos. A actuación ten un custe de 20.000 euros que se financian con fondos municipais a través do Plan de Investimentos de 2015.

O concelleiro de Obras e servizos, Jesús Longa, explicou que para renovar e mellorar a iluminación do parque da Coca decidiuse aproveitar os pés de aceiro das anteriores luminarias que se completarán con novos farois de lámpadas led. Esta tecnoloxía, ademais de aumentar a intensidade lumínica consume menor enerxía que as luminarias tradicionais, polo que contribúe a aforrar no recibo da luz do Concello á vez que se mellora o servizo. Ademais, as cabezas elixidas están deseñadas con materiais e morfoloxía anti vandálicos.

As 36 luminarias distribuiranse ao longo do paseo que atravesa o parque fluvial. Unha vez rematada a actuación avaliarase si é preciso colocar algún foco máis entre as zonas axardinadas. A mellora da iluminación no Parque da Coca era unha necesidade xa que debido a acción dos vándalos había moitos puntos de luz rotos. Esta situación, unida á fisionomía e características do propio parque sumía á zona verde nunha escuridade xa dende o solpor, creando unha sensación de inseguridade polas noites.

20 de maio de 2015 | 13:48 • Sen comentarios

Comentarios pechados.