Comezan as obras de creación do novo patio exterior da escola infantil da Laracha

Ampliación do patio exterior
O Concello da Laracha ten en fase de execución o proxecto de creación dunha ampla zona verde axardinada e con parque infantil que se está a crear pola parte posterior das instalacións da escola infantil da Laracha e que será posta a disposición do centro. O obxectivo é ofrecer un maior espazo exterior para os usuarios e persoal docente ante o recente aumento en 41 novas prazas para un total de 115 que se ofertarán no próximo curso.
José Manuel López Varela, alcalde do Concello da Laracha, e Jesús Souto, concelleiro responsable das áreas de urbanismo e obras públicas, realizaron unha visita ao lugar das obras, onde se reuniron cos operarios, centrados actualmente na fase de montaxe e instalación dos xogos que formarán o parque infantil.
A parcela sobre a que se está creando a nova área verde é de titularidade municipal e ten unha superficie duns mil metros cadrados. A actuación tamén contempla a nivelación do terreo para o seu posterior axardinamento –contando con vexetación axeitada a cada zona, as correspondentes canalizacións de servizos e o rego automático- e a colocación dun peche perimetral de malla que delimitará o ámbito e reforzará a seguridade dos usuarios. As obras son financiadas polo Concello da Laracha.
A escola infantil da Laracha, integrada na rede A Galiña Azul, unha vez rematada esta actuación, pasará a dispoñer dunha superficie total duns 3.500 metros cadrados entre os dous edificios, o patio exterior e o novo ámbito que está a ser acondicionado.











