Comeza en Monfero a Volta Ciclista á provincia da Coruña
A XIV Volta Ciclista á Provincia que organiza a Deputación da Coruña en colaboración coa Federación Galega de Ciclismo comeza mañá ás dúas da tarde en Monfero.
Este ano a Volta chegará a 21 concellos da Coruña, Ferrolterra, Eume e Ortegal. En concreto, o primeiro día os ciclistas sairán de Monfero e pasarán por Irixoa, Oza-Cesuras, Betanzos, Miño, Pontedeume, Cabanas, Vilarmaior para volver ao municipio de saída.
O sábado día 16 a sede será Mañón, en concreto O Barqueiro, para seguir por Ortigueira, As Somozas, As Pontes, Cedeira e rematar de novo no Barqueiro. O último día a saída e final será en Valdoviño, pero o pelotón tamén pasará por San Sadurniño, Neda, Ferrol, Narón, Moeche, Cerdido, Cariño e Cedeira.
O pelotón está formado por 112 ciclistas de 16 equipos españois, entre eles dous novos procedentes de Euskadi e Madrid, o Taldea Euskadi e o Contador Team. Ademais, repetirá o gran gañador desta competición, o Grupo Deportivo Super Froiz de Poio, que obtivo a vitoria en ata 8 ocasións das 13 edicións xa celebradas.
Na xornada de mañá percorrerán 132 quilómetros pola comarca de Betanzos, que inclúen dous portos de montaña, o primeiro en Cerdedo, a só 17 quilómetros da saída, e o segundo no alto de Taboada, a oito quilómetros da meta, a onde está previsto que cheguen os deportistas sobre as cinco da tarde.
Pero ademais, a gran atracción da Volta Ciclista á Provincia son as actividades infantís que se organizan na zona de meta mentres se disputa a proba. Os nenos e nenas que o desexen poderán participar en xincanas, xogos e unha pequena carreira en liña con só levar a súa bicicleta e casco. Os participantes recibirán agasallos, pero ademais en cada etapa regalarase unha bicicleta a un dos participantes. Os clasificados recibirán trofeos e poderán subir ao podio real preparado para os ciclistas. As actividades estarán organizadas un ano máis polas escolas de ciclismo do club Cambre Caeiro.
A Deputación da Coruña inviste máis de 51.000 euros neste programa, entre gastos de organización e premios para os gañadores.











