Comeza en Lugo a fase de votación dos proxectos dos Orzamentos Participativos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaLugo
A-
A+

A Concelleira de Desenvolvemento Local en funcións, Rosana Rielo, informou esta mañá do inicio da segunda fase do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos que comeza a próxima semana. Esta nova fase corresponde coa exposición pública de todas as propostas viables para que os cidadáns poidan votar e escoller aquelas que máis lles gusten e que foron presentadas nas diferentes áreas municipais. As votacións poderanse realizar a través da web http://loop.lugo.gal/ entre o mércores 3 e o martes 9 de xuño.

En total son 142 propostas repartidas nas áreas de Benestar Social e Igualdade, Cultura e Promoción da língua, Turismo, Xuventude, Deportes, Emprendemento, Educación, Infraestruras, Seguridade vial, Medio rural, Participación cidadá e Servizos Xerais, Mercado e comercio e Medio Ambiente. 

Rosana Rielo informou que “as 10 propostas viables correspondentes coas áreas de Benestar Social e de Medio Rural quedan fóra das votacións porque todas elas vanse levar a cabo xa que teñen orzamento suficiente”. 

Ademais a Concelleira de Desenvolvemento Local agradeceu a implicación dos veciños e veciñas interesados na formulación de propostas para a cidade, ben de xeito particular ou ben a través dos distintos colectivos ou asociacións, e tamén aos técnicos municipais que traballaron para facer posible este proxecto de participación cidadá. 

O Concello de Lugo por primeira vez inviste unha partida de 500.000 euros dos Orzamentos para a realización do proxecto Lugo Opina Orzamentos Participativos que permite aos cidadáns decidir sobre as diferentes fases de execución de gasto coa achega de propostas e ideas para mellorar a cidade.

29 de maio de 2015 | 17:04 • Sen comentarios

Comentarios pechados.