Cogami imparte un curso de xardinería para persoas con discapacidade en Santiago
As instalacións que COGAMI ten en Santiago (Modesto Brocos, nº7, 3º bloque, baixos) acollen un curso de formación profesional de xardinería no que se formarán 12 persoas procedentes dos concellos de Santiago, Ames, Brión, Frades e Oroso, estando todas estas inscritas no servizo de emprego de COGAMI.
Dirixido a persoas con discapacidade, esta iniciativa está subvencionada pola Consellería de Traballo e Benestar a través da Secretaría Xeral de Política Social da Xunta de Galicia e o Fondo Social Europeo no marco do convenio de Formación Profesional e Formación Ocupacional para as persoas con discapacidade que residan na comunidade galega.
Cun total de 200 horas de duración, con data de inicio o 4 de maio e con data de remate prevista para o 30 de xuño, para formar parte deste curso, o alumnado, ademais de ter discapacidade recoñecida, debe estar inscrito como demandante de emprego.
O curso impartirase de luns a venres en horario de 9:00 a 14:00 horas e as persoas participantes formaranse en contidos tanto teóricos como prácticos sobre zonas verdes, funcións de mantemento de espazos naturais, instalación de rego, poda, aboado, plantación, etc.











