Cogami imparte un curso de busca de emprego nas redes sociais para persoas con discapacidade en Santiago
As instalacións que COGAMI ten en Santiago (Modesto Brocos, nº7, 3º bloque, baixos) acollen un curso de busca de emprego a través das redes sociais, denominado “As redes sociais e ferramentas 2.0: Valor para o emprego”, no que se formarán 10 persoas procedentes dos concellos de Santiago, Ames, Lousame e Oroso, estando todas estas inscritas no servizo de emprego de COGAMI.
O Servizo de Intermediación Laboral de COGAMI desenvolve o denominado Programa Integrado de Emprego, Emprega con Discapacidade, unha oportunidade laboral para 100 persoas con discapacidade de toda Galicia con problemas para acceder a un emprego por razóns como ter unha baixa cualificación formativa, vivir nun ámbito rural cos conseguintes problemas de comunicación, e tamén, por ser muller con discapacidade.
Este programa, subvencionado pola Consellería de Traballo e Benestar, desenvólvese durante 12 meses con persoas usuarias procedentes das sete oficinas que ten operativas COGAMI nas cidades, participando 14 persoas en Santiago, en Lugo, en Pontevedra, en Ferrol e en Ourense, e 15 persoas participan en A Coruña e Vigo.
Cun total de 8 horas de duración, con data de inicio o 4 de maio e con data de remate no día de hoxe, as persoas participantes formaranse en contidos tanto teóricos como prácticos sobre o desenvolvemento do currículo, envío do mesmo a través da internet, uso de buscadores e portais de emprego, así como das redes sociais enfocadas na procura de emprego.











