Coca-Cola Company amplía o apoio na BTTinto anunciando a proba nos seus canais de promoción

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

O Concello de Ribadumia en colaboración coa Deputación de Pontevedra e cos clubs ciclistas Armenteira e Punto, o Club Ciclista Salnés e o CDM Xesteiras, continúa traballando nos preparativos para a IV edición da Ruta BTTinto que este ano se celebrará o vindeiro domingo 7 de xuño en Barrantes.

A BTTinto, apadriñada nesta ocasión polo recoñecido exciclista Fernando Escartín, estase a converter nunha das probas máis importantes a nivel nacional. Na última edición participaron ao redor de 2.600 participantes e nesta espérase superar os 3.000.

Dada a evolución evidente que a proba consegue con cada edición, son moitos os organismos e empresas interesados en participar na que xa se constitúe como unha das probas BTT máis importantes de Galicia.

A alcaldesa de Ribadumia, Salomé Peña, presentou o proxecto ante a Secretaria Xeral para o Turismo, Nava Castro, comprometéndose esta ó apoio no evento por constituírse como unha proba impulsora dos centros BTT existentes na comarca. A semana pasada, os concellos que gardan a BTT do Salnés onde se celebra a proba- Ribadumia, Meaño e Meis- , decidiron dar continuidade ó convenio sobre a continuidade do Centro BTT do Salnés para que a proba continúe mostrando parte dos segredos máis fermosos da comarca.

Coca-Cola Company inclúe a BTT na súa web de eventos

Non é o primeiro ano que a multinacional colabora coa proba deportiva. Nas edicións anteriores o apoio consistía principalmente nunha axuda en especie para os deportistas participantes.

Este ano, e vista a evolución que se está a conseguir cada ano, a empresa decidiu ampliar o seu apoio co evento deportivo comprometéndose a anunciar o evento en todo o territorio nacional a través de canais de promoción, incluída a súa web de eventos.

Por todo iso, e vista a repercusión que poder ter a promoción da proba nunha páxina de tal envergadura, o Concello de Ribadumia quere agradecer a súa confianza posta na proba e espera que con axudas como estas poida ter a máxima difusión e chegar a consolidarse a nivel nacional.

Trail de montaña como novidade

Coma en edicións anteriores, a BTTinto organiza a proba principal de Mountain Bike, de 49 km de recorrido e coa alternativa dos 33 km de ruta para as persoas que queiran disfrutar dun contacto directo coa natureza e coa riqueza patrimonial de Ribadumia e de Meis nunha proba menos esixente. A ruta percorre lugares de gran atractivo, coma é o monte do Castrove con vistas panorámicas da ría, muíños, mosteiros e bosques de gran beleza.

Coma en edicións anteriores tamén haberá unha ruta de sendeirismo de 20 km de recorrido e unha proba combinada de 35 km a bicicleta e 20 km de carreira a pe. A novidade deste ano chega coa integración dunha carreira de montaña –trail de montaña– que supoñen unha proba moi atractiva e que se atopan en auxe en todo o panorama nacional.

A inscrición é gratuíta e estará disponible na páxina web do Concello de Ribadumia ata o día 3 de xuño ás 00:00 horas.

7 de maio de 2015 | 18:18 • Sen comentarios

Comentarios pechados.