publicidade hoxe

Cita coa vela infantil en Baiona

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBaionaDeportes
A-
A+

Novas promesas da vela galega medirán as súas forzas o próximo fin de semana en Baiona no Trofeo Baitra de Vela Infantil organizado polo Monte Real Club de Iates co patrocinio de Baitra Accesorios Navais e a colaboración de Efectos Navais Betanzos e o Concello de Baiona.

No campeonato participarán uns 70 nenos e nenas das clases Optimist e Cadete dos principais clubs náuticos da provincia de Pontevedra, que pelexarán pola vitoria en varias probas técnicas. Terán representación o Real Club Náutico de Vigo, o Club Marítimo de Canido, o Club Náutico Rodeira (Cangas), o Liceo Casino de Vilagarcía e o propio club organizador.

A primeira xornada do Trofeo Baitra celebrarase o sábado día 9 a partir das dúas e media da tarde, e poderase seguir desde os arredores da bahía de Baiona. O domingo día 10, na segunda quenda de probas,o bocinazo de saída escoitarase as once e media da mañá. Ese mesmo día, pola tarde, unha vez finalizada a competición, celebrarase a entrega de premios aos gañadores nas instalacións do Monte Real.

Unha competición para promocionar a vela desde a base

O Trofeo Baitra de Vela Infantil forma parte do plan de promoción da vela desde a base que o Monte Real Club de Iates ten en marcha a través da súa Escola de Vela, na que, durante todo o ano, se imparten clases de iniciación, Optimist e Cadete para nenos de todas as idades. O club baionés conta tamén con varios equipos de regata, con 30 mozos que xa deron o salto á competición e participan en regatas regularmente.

As clases Optimist e Cadete

No Trofeo Baitra de Vela Infantil sairán á auga dúas clases de barcos: Optimist e Cadete. Mentres que o Optimist é a embarcación máis empregada para iniciarse no mundo da navegación de forma individual (pola súa sinxeleza, estabilidade e fácil manexo), o Cadete é o barco perfecto para aprender a traballar en equipo. Trátase dunha clase que permite aos mozos navegantes familiarizarse co tres tipos principais de velas (foque, maior e spinnaker) algo máis complexa (que poseelos mesmos tipos de vela que os grandes barcos), e facelo cun acompañante, traballando como unha tripulación.

6 de maio de 2015 | 09:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.