Cincuenta escolares mosenses gozaron dunha xornada medioambiental no monte de Pereiras

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+
Visita dos escolares ao monte das Pereiras

Visita dos escolares ao monte das Pereiras

O CEIP de Atín-Cela e a Comunidade de Montes de Pereiras organizaron unha xornada de convivencia adicada á prantación de árbores en terreos do monte comunal da parroquia de Pereiras, que contou coa colaboración do Concello de Mos. En representación da administración local participou nesta iniciativa celebrada ó longo da mañá de onte a edil responsable da concellería de Educación e Participación Cidadá, Kely Monzón.

Os 50 alumnos e alumnas de 1º e 2º cursos de Educación Primaria do Colexio de Atín prantaron un total de 26 árbores, 13 cerdeiras e 13 castiñeiros. As cerdeiras foron doadas pola Comunidade de Montes de Pereiras e os castiñeiros os prantaran previamente, fai xa catro meses, en macetas a partir de castañas os propios escolares do centro como actividade formativa incluída no programa do curso escolar. Con esta prantación os cativos participantes puideron comprobar de primeira man cales son as fases do ciclo vital das árbores e que elementos precisan para o seu óptimo desenvolvemento.

Os cincuenta escolares do CEIP de Atín levaban catro meses regando e coidando as castañas que peviamente prantaran nunha maceta como parte da programación escolar. Esta é unha iniciativa que no colexio de Cela levan desenvolvendo dende fai xa oito anos, e esta é a terceira edición que realizan en colaboración coa Comunidade de Montes de Pereiras. 

A actividade consistiu nunha mañá de convivencia durante a que os escolares saíron ó monte a realizar a prantación. Cada dous cativos prantaron unha árbore, actividade coa que se pretende fomentar a concienciación medioambiental e o amor e o respecto pola natureza; así coma a educación para a prevención de incendios forestais debidos a malas prácticas nos montes da nosa comunidade autónoma. 

Dende a Comunidade de Montes declararon sentirse moi satisfeitos e orgullosos de poder colaborar tanto co Concello de Mos como coa comunidade escolar mosense en actos tan enriquecedores coma este.

O presidente da Comunidade de Montes de Montes de Pereiras explicoulles tamén ós 26 pequenos participantes cales son as funcións dos comuneiros. E, pola súa banda, un Axente Forestal presente deulles as directrices e pautas a seguir cando se vai ó monte, sobre todo nos meses de verán, para previr os posibles riscos de que se produza un incendio. 

22 de maio de 2015 | 11:40 • Sen comentarios

Comentarios pechados.