Cinco prestixiosos xornalistas estadounidenses encomian a calidade dos viños Rías Baixas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+
Cata dos xornalistas estadounidenses

Cata dos xornalistas estadounidenses

A D.O. Rías Baixas acolle estes días a visita de cinco recoñecidos xornalistas americanos especialistas en viño. Tras percorrer as subzonas do Salnés e O Rosal e, catar 15 viños na sede do Consello Regulador desta denominación de orixe. Todas as marcas atópanse xa presentes no mercado estadounidense e participan no plan USA de promoción.

Sheri de Borchgrave, Cathy Hughe, Kristian Schiller, May Matta-Aliah e Ben Weinberg coincidiron á hora de encomiar a “alta calidade dos viños da D.O. Rías Baixas. Viña cun concepto xa moi elevado deles, pero comprobamos que a calidade vai desde moi boa ata mesmo mellor. Evidentemente, hai viños máis simples e máis complexos, pero todos son boísimos”, concretou May Matta-Aliah. Sorprendidos gratamente por estes viños, augúranlles “un gran futuro” en territorio estadounidense, porque se poden recomendar a calquera. Cobren moitos gustos diferentes”, conclúen.

Sobre o seu percorrido polas distintas subzonas da D.O. Rías Baixas, os profesionais que participan nesta misión inversa aseguraron que este tipo de experiencias resultan “imprescindibles para coñecer mellor os viños”, xa que “ver o contexto no que se producen” e visitar as adegas ou charlar cos adegueiros achégalles maiores coñecementos sobre os Albariños Rías Baixas.

No que respecta a aspectos relacionados co enoturismo, o xornalista Ben Weinberg, que centra os seus artigos e o seu blog nesta temática, destacou tanto o amplo abanico de posibilidades que se ofrece aos visitantes como as súas potencialidades. “A infraestrutura ao redor do mundo do viño está moi ben desenvolvida aquí”, asegurou. No entanto, si recomenda “centralizar a promoción das visitas á zona durante a segunda metade do ano” para evitar a climatoloxía adversa. Entre os aspectos máis destacados da súa visita, Weinberg falou sobre “o trato máis familiar nas adegas”, algo que lle permite coñecer “o outro lado” da viticultura que se desenvolve na D.O. Rías Baixas.

O grupo do cinco profesionais estadounidenses desprazouse hoxe ata a subzona do Condado do Tea na súa última xornada. Alí percorrerán os viñedos e instalacións doutras tres adegas para finalizar a última xornada nesta denominación de orixe cunha suculenta cea na que non faltarán os Albariños Rías Baixas.

Estados Unidos, o principal mercado

Estados Unidos é o principal mercado da exportación de viños da D.O. Rías Baixas. Non en balde, a D.O. Rías Baixas conta cunha campaña de promoción e de comunicación propia neste país. Foron un total de 2.189.258 litros de viño os exportados a EE.UU., que contan con gran aceptación entre o público.

Breve biografía dos participantes

Cathy Hughe é columnista de Forbes.com e os seus artigos sobre viño foron publicados nalgúns medios como Decanter, Washington Post, The Boston Globe por citar algúns. Tamén é a fundadora do Club de Alumnos de Harvard do Viño e a Comida, actualmente preside o Club de Harvard en Xeorxia.

Sheri de Borchgrave escribe unha columna para sobre viños e espirituosos para o catro publicacións de Cottages & Garden.

Kristian Schiller edita os contidos de cidades e destinos culturais para Fodor’s Travel. Os seus artigos apareceron en The New York Times, National Geographic Traveler, e noutras destacadas publicacións.

Ben Weinberg é un escritor de viños, editor e conta co blog Wine on The Road. As súas columnas publicáronse en The Sommelier Journal, Wine Enthusiast, Denver Magazine, entre outros. Ademais, na súa faceta como guía turístico, ofrece a posibilidade, a través da súa bitácora dixital, de levar a grupos de entusiastas do viño a ver as adegas máis prestixiosas do mundo desde unha perspectiva diferente.

May Matta preside a organización In the Grape, dedicada a facer a formación en viño e espirituosos accesible para todos. Tamén é instrutora no prestixioso Internacional Wine Center. May fíxose en 2008 co título de Educadora do Viño español concedido pola Academia do Viño de España.

7 de maio de 2015 | 13:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.