publicidade hoxe

Cinco artistas de sona internacional rehabilitarán outros tantos muros de Carballo no Rexenera Fest

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCalendarioCarballo
A-
A+
Presentación de Rexenera Fest

Presentación de Rexenera Fest

Carballo acolle a partir do luns 1 de xuño a primeira edición do Rexenera Fest, o 1º Festival Internacional de Arte Pública de Carballo. Esta primeira edición terá lugar do 1 ao 7 de xuño de 2015 e reunirá a un coidado elenco formado por cinco artistas provintes de distintas nacións, que intervirán en cinco paredes de grande formato esparexidas polo casco urbano. O proxecto pretende reunir cada ano a artistas do mellor da escena galega, estatal e internacional do mundo da arte urbana, para así facer da vila un gran museo ao aire libre que irá medrando ano tras ano.

O festival servirá como unha xanela de Carballo aberta ao mundo, para poñer no mapa a vila a través das súas rúas e favorecendo un turismo cultural diferente na zona urbana do concello. O evento actuará como un axente rehabilitador contra o feísmo urbanístico e utilizará as rúas como un espazo de diálogo e de expresión artística. O obxectivo é rexenerar espazos deteriorados, achegarlle valor engadido á paisaxe urbanística, dinamizar o tránsito peonil e expandir os espazos de lecer. Durante unha semana, os artistas participantes estarán traballando en distintas localizacións, ás que os veciños, veciñas e visitantes poderán achegarse e apreciar a habilidade e mais todo o proceso artístico de cada obra. O Concelleiro de Turismo, Xosé Regueira, quixo felicitar a Mutante, encargados da xestión do festival, polo seu labor e subliñou que o Rexenera quere ser tamén unha fórmula para “darlle valor engadido a Derrubando muros con pintura” e para seguir transformando Carballo a través “dunha obra pública de interese” que favorece que a xente se achegue á vila.

Regueira quixo pedir tamén desculpas de antemán a aqueles veciños e veciñas que durante uns días verán invadido o espazo público, mais espera que “a xente tamén goce das intervencións e das obras resultantes” e que o festival teña moitas máis edicións no futuro. Sokram e Mou, integrantes de Mutante e dous artistas que xa teñen deixado a súa pegada en Carballo co reivindicativo lapis do Pazo da Cultura e co buzo da esquina da Avenida das Flores coa Rúa Fábrica, explicaron polo miúdo as características dos artistas convidados e os detalles do festival. Sokram sinala que na selección que realizaron tiveron en conta varios factores. En primeiro lugar, que fosen artistas que teñan unha longa traxectoria na arte urbana; “que non tiveran todos un estilo similar para que houbera riqueza estilística no cartel”; que as obras teñan un relato interesante a nivel vital e social; e que a nivel visual e estilístico “acheguen á escena artística algo novo e interesante”.

Os artistas convidados

De entre os artistas, un dos máis destacados sería Aryz, un dos máis relevantes a nivel internacional e orixinario de Barcelona. É unha das figuras máis recoñecidas e influíntes a nivel internacional neste movemento artístico. Chega a Carballo despois de amosar o seu traballo ao longo do mundo por cidades de toda Europa, Estados Unidos e América Latina. Na súa obra predominan as representacións de impresionantes e xigantescas figuras. Encargarase de pintar unha das paredes do Fórum.

Pixel Pancho chega dende Turín para traballar no número 67 da Gran Vía. É a día de hoxe un dos artistas urbanos máis populares e activos da escena italiana a nivel internacional, con grandes murais esparexidos por numerosas cidades de Europa, Estados Unidos e México. A través de referencias históricas e contemporáneas, as súas composicións adquiren un sentido metafórico que nos teletransportan ao noso espazo tempo.

BordaloII realiza esculturas e murais de alto releve conformados exclusivamente a partir de lixo. Vén dende Lisboa e os seus traballos tamén teñen unha dimensión reivindicativa, xa que as súas pezas reflicten de xeito implícito os nocivos vicios da sociedade consumista e convidan á reflexión sobre a deriva imparable de crecemento exponencial que vive o planeta. Traballará nunha das paredes do aparcadoiro da Horta do Casino.

Dulk é un ilustrador, deseñador e muralista que vén dende Valencia. Chega a Carballo despois de dar a coñecer o seu traballo en Inglaterra, Alemaña, Holanda, Italia, Estados Unidos ou Bélxica, onde gañou recentemente un importante premio internacional. É unha obra próxima á ilustración infantil e con aires naif, mais que agocha tamén unha mirada crítica e sarcástica sobre a cruel situación á que estamos sometendo a natureza. Encárgase doutras das paredes do Fórum Carballo.

Por último, dende Santiago de Compostela chega Nömada. Nado en Almería, está afincado en Galicia e é un dos activistas máis presentes nas rúas da capital galega, cunha especial fixación pola busca dos recunchos máis interesantes e esquecidos da cidade. Ofrece unha pintura que garda unha lectura social. Traballará no número 9 da Rúa Fomento.

Festa de peche na Sala Dublín

Despois de que os artistas plasmen os seus traballos, o sábado 6 de xuño haberá unha festa na Sala Dublín como peche do Rexenera. Segundo explica Mou, esta cita, de balde para quen queira asistir, concibiuse como unha maneira de unir á xente cos artistas e darlles a oportunidade de interactuar con eles. Contará coas actuacións de Xenderal -veño coñecido en Carballo que xa actuou na inauguración da Biblioteca Rego da Balsa- co ragga de Check Selectah; e A Magnifique Bande dos Homes sen Medo, un grupo de “música negra” pero tamén moi ecléctico. A cita será a partir das 23.30 horas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixo subliñar que o obxectivo do Rexenera Fest é “que a arte pública chegue a todos os currunchos” e recoñeceu “o excelente traballo” de todos os artistas de Derrubando Muros con Pintura, ademais de amosar a súa satisfacción “pola valoración que fai a sociedade de Carballo e quen nos visita desta iniciativa”.

29 de maio de 2015 | 17:42 • Sen comentarios

Comentarios pechados.