Charla sobre o alzheimer en Ortigueira
Medio centenar de persoas asistiron onte á tarde á charla impartida polo pedagogo voluntario de AFAL Ferrolterra, Jesús Victoria, na Fundación Ortegalia, no municipio de Ortigueira. Unha iniciativa promovida pola Federación de Asociacións Galegas de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras demencias (FAGAL) e a Fundación Barrié, no marco do programa Red Paraguas, e coa colaboración do Concello de Ortigueira, a través do seu departamento de Servizos Sociais. Victoria fixo na súa exposición un percorrido polas causas que levan a sufrir a demencia, así como o síntomas iniciais que se mostran nas persoas afectadas, como a perda de memoria ou a desorientación. Así mesmo, a evolución e as etapas da enfermidade tamén foron unha parte importante da actividade, xa que a charla estaba dirixida tanto a persoas que sofren os efectos de ter un familiar con alzhéimer como aquelas persoas interesadas en coñecer máis sobre esta enfermidade que se estima que afecta en Galicia a unhas 96.000 persoas.