Catorce padexeiros galegos competirán na Copa do Mundo en Montemor o Velho
Catorce padexeiros galegos competirán a partir do venres e ata o domingo na Copa do Mundo que se disputará en Montemor o Velho (Portugal). Varios deles afrontarán varias regatas en distintas distancias, tanto na categoría individual como nas de equipo. Dez homes e catro mulleres conforman a representación galega nunha nova cita internacional. Roi Rodríguez estará en catro probas.
O amplo calendario das probas e a posibilidade de que se poidan inscribir dous barcos na mesma modalidade e distancia son algúns dos detalles máis importantes da Copa do Mundo que se disputa no mesmo escenario onde se celebrou o Campionato de Europa hai dous anos.
Nas regatas individuais, Adrián Sieiro estará no C-1 200 metros. Brais Casas e Sergio Vallejo competirán no C-1 1.000 metros. Roi Rodríguez ten unha cita no K-1 1.000 metros, aínda que tamén afrontará outras tres regatas nos barcos de equipo. A lucense Tania Fernández farao en K-1 200 metros.
Os padexeiros galegos serán numerosos nos barcos de equipo. José Luís Bouza e Adrián Sieiro, por unha banda, e Sergio Vallejo e Brais Casas, por outro, estarán no C-2 1.000 meros. Carlos Arévalo e Isaac Toro formarán parte dunha embarcación no K-2 1.000 metros, o mesmo que Gabriel Campo e Rubén Millán. Na categoría feminina, Ana Varela competirá no K-2 500 metros e K-4 500 metros. Raquel Rodríguez e Jenifer Casal estarán no C-2 500 metros. O K-4 500 metros terá maioría de representantes galegas, con Tania Fernández, Carla Pérez Coya e Raquel Dacosta.
Na modalidade de K- 4 200 metros, Gabriel Campo Pavón, Roi Rodríguez e Rubén Milán estarán nunha embarcación, mentres Carlos Arévalo e Isaac Toro farano noutra. Na distancia de 1.000 metros, Rodrigo Germade e Óscar Carreira, por unha banda, e Gabriel Campo Pavón, Roi Rodríguez e Rubén Millán, por outro, formarán parte do equipo español.
Ao longo da tempada dispútanse dúas probas da Copa do Mundo. A primeira delas será este fin de semana en Montemor O Velho (Portugal) e a segunda en Duisburg (Alemaña). A esta última acudirá Teresa Portela.











