Catabois, Marmancón, A Magdalena, Ferrol Vello e Ultramar acollerán o peche da proposta musical “Música tradicional na rúa. Ferrol 2015”
A Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado, organiza este fin de semana as últimas catro actuacións que pecharán a proposta musical “Música tradicional na rúa. Ferrol 2015”. Así, estes concertos se concentrarán mañá sábado e pasadomañá domingo en diferentes rúas dos barrios de Catabois, Marmancón, A Magdalena, Ferrol Vello e Ultramar.
Así as cousas, as agrupacións que interpretarán durante estas dúas xornadas música tradicional serán “Agarimo de Catabois”, “Terra Meiga”, “Grupo Etnográfico das Mariñas” e “Donas e Galáns”. Máis concretamente, a programación completa para este fin de semana desta proposta que leva a música tradicional polas rúas de Ferrol é a seguinte:
Sábado, día 16 de maio
– “Agarimo de Catabois”. Percorrido: local de Agarimo, estrada de Catabois até o cuartel da Garda Civil. Saída ás 12:00 horas.
– “Terra Meiga”. AVV Marmancón, saída ás 17:30 horas.
Domingo, día 17 de maio
– “Grupo Etnográfico das Mariñas”. Percorrido: Feira de Ferrol pola rúa Irmandiños e Porto. Saída ás 13:00 horas.
– “Donas e Galáns”. Percorrido: igrexa das Mercedarias, rúa Nova de Caranza, rúa Sartaña cara Ultramar, rúa Venezuela, praza de Ultramar. Saída ás 13:00 horas.











