Carlos Sobera e Marta Torné representan este sábado a comedia “El ministro” no Teatro Jofre
Os actores Carlos Sobera e Marta Torné representarán o vindeiro sábado, día 23, no Teatro Jofre o novo espectáculo de humor “El ministro”. A función dará comezo ás 20:30 horas e forma parte da programación escénica elaborada pola Concellería de Cultura do Concello de Ferrol, que dirixe Manuel-Reyes García Hurtado. As entradas poden adquirirse no despacho do teatro municipal ou a través da páxina web oficial do Concello de Ferrol: www.ferrol.es (apartado Axenda Cultural).
Esta comedia aborda a historia dun voraz ministro de economía cuxa ambición política non coñece límites. Ávido de poder político e persoal lánzase á conquista dunha bela muller trinta anos máis nova, e profesora de francés dos seus fillos. O que el non sabe é que esta obstinación será o principio do fin dos seus fías de gloria. Ramiro conseguirá coarse na casa da bela profesora co obxectivo de seducila, pero en pleno vórtice é sorprendido polo roubo a man armada que se produce nunha sucursal bancaria situada nos baixos do inmoble da súa amada.











