Carlos Blanco encherá o venres a Casa da Cultura da Laracha
O coñecido actor arousano Carlos Blanco actuará este venres a partir das 22:00 horas na Casa da Cultura no segundo espectáculo do III Festival do Humor da Laracha. O seu monólogo repasará a actualidade galega e foránea baixo unha perspectiva humorística e con certas doses de improvisación.
O éxito de público está de antemán absolutamente garantido xa que o Concello da Laracha esgotou todas as entradas que se puxeron á venda para asistir ao espectáculo.
O III Festival da Laracha comezara o pasado venres con Quico Cadaval e, despois de Carlos Blanco, contará con outras dúas destacadas actuacións nas próximas semanas: Sara Escudero (día 22) e Celso Sanmartín (día 29). Nestes dous últimos casos as entradas continúan á venda e pódense adquirir no Concello da Laracha a un prezo de cinco euros por cada actuación.











