publicidade hoxe

Carballo únese ao proxecto “Apego” para favorecer a crianza en galego

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoLocal Portada
A-
A+
Carballo únese ao proxecto "Apego"

Carballo únese ao proxecto “Apego”

Carballo vén de presentar o proxecto “Apego”, unha iniciativa de dinamización dende a primeira infancia desenvolvida cooperativamente por doce concellos galegos a través dos seus Servizos de Normalización Lingüística. O obxectivo principal de “Apego” é o de implicar ás familias na valoración positiva da lingua propia para, así, incrementar a porcentaxe de nenos e nenas que adquiren o galego como lingua inicial e promover que o usen de maneira habitual. O Concello proporcionaralles ás familias que o soliciten e que agarden un bebé (por embarazo ou adopción) materiais, argumentos, recursos e accións para axudarlles á crianza e para tecer redes de colaboración mutua.

A imaxe da campaña é un polbo que, ademais, é unha “mantiña-apego” que, xunto con outros materiais, daráselles a todos os bebés que nazan nos concellos participantes a través dunha caixa de benvida para que os acompañe durante os seus primeiros meses e anos de vida. “Apego” preséntase xusto despois do Día das Letras, 17 de maio, como unha forma de seguir apoiando á lingua máis aló dese día, e coa colaboración da Biblioteca Carballo e da Ludoteca, dous espazos nos que “Apego” terá continuidade, xa que, ademais da caixa, a iniciativa inclúe actividades como obradoiros de nanas, de xogos para bebés, contacontos, etc. Os concellos que participan en “Apego” son, ademais de Carballo, A Baña, Carnota, Ferrol, Narón, Negreira, Ourense, Pontevedra, Redondela, Rois, Santiago de Compostela e Vigo, que asinaron o convenio para poñer en marcha o proxecto o pasado 23 de marzo. 

O desenvolvemento práctico de “Apego” recolle varias fases e accións, como unha campaña para difundir o proxecto e as súas mensaxes, unha caixa de benvida con materiais para a crianza en galego, música para os primeiros anos, un espazo web e actividades para a socialización da lingua propia. Para socializar o proxecto e a súa mensaxe, difundirase a imaxe da campaña e distribuiranse carteis e folletos informativos, principalmente en centros de saúde, servizos de pediatría, establecementos con produtos relacionados co embarazo e a crianza, asociacións de apoio á crianza ou adopción, centros maternais, etc. A acción abrangue a entrega dunha caixa de benvida ás familias que agardan un bebé con materiais para achegar argumentos e materiais de axuda para a transmisión do galego, apoio á crianza, etc. Poderán solicitala no Servizo de Normalización Lingüística do Pazo da Cultura as familias que estean esperando un bebé e estean empadroadas en Carballo. Os materiais que contén son: un boneco mantiña coa forma do polbiño PO, imaxe e mascota de “Apego” para que acompañe ao bebé; un libro guía para as nais e pais con recomendacións para a crianza, propostas de nomes en galego, arrolos, etc.; un álbum para encher de recordos e primeiras experiencias, así como de lembranzas dos primeiros meses do bebé; un medidor para seguir o crecemento do bebé; e un adhesivo para o coche.

Música, obradoiros, xornadas: primeira cita o 21 de maio

Unha vez que naza o bebé, ás familias que recolleron a caixa entregaráselles tamén un disco, unha compilación de dez cancións de música infantil en galego de grupos e estilos diversos que van de María Fumaça a Mamá Cabra, Uxía, Pablo Díaz, etc. Ademais, en <www.apego.gal> hai dispoñible información e intercambio de recursos de axuda, culturais, educativos e formativos para crear rede coas familias e que vaian coñecendo as accións e actividades. O Concello de Carballo tamén ten previsto organizar actividades e obradoiros relacionados con cantos de berce, xogos de dedos, contacontos, concertos para bebés, xornadas de achegamento de materiais en galego para escolas e ludotecas, etc. A primeira das citas está prevista para o xoves 21 de maio ás 18.00 horas na Ludoteca. Aínda que é de balde, é necesaria inscrición previa porque o límite é de 25 prazas.

A cita precisa a supervisión dun adulto. O Concelleiro de Normalización Lingüística, Xosé Regueira, agradeceu durante a presentación a presenza de tres nais que xa recolleron a súa caixa e que están participando no proxecto. Cualificou a campaña como unha iniciativa “moi bonita” e desexoulle a todas as familias participantes “que o utilicedes con todo o cariño que lle ides dar aos vosos nenos e nenas”. O Alcalde, Evencio Ferrero, tamén desexou que as familias “arrolen moito aos seus bebés e que lles dean o seu apego e cariño”, engadindo que espera que “as primeiras necesidades dos nenos e nenas estean cubertas”.

19 de maio de 2015 | 18:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.