publicidade hoxe

Carballo presentao campamento infantil Depor Campus 2015

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+
Presentación Depor Campus

Presentación Depor Campus

O Real Club Deportivo da Coruña, as Escolas Luís Calvo Sanz, o Bergantiños FC e o Concello de Carballo organizan por segundo ano consecutivo o Depor Campus Carballo, un campamento deportivo dirixido a nenos e nenas de 6 a 15 anos que terá lugar entre o 13 e o 17 de xullo de 2015. Para apoiar a iniciativa estivo en Carballo Toché, xogador do Deportivo, que pronto se viu rodeado dos nenos e nenas que estaban adestrando nas Eiroas e que estivo pendente de todos eles, asinando autógrafos e sempre cun sorriso na boca. Converteuse no principal protagonista da presentación dunha iniciativa que será impartida por técnicos e expertos do Deportivo. As actividades do campus terán lugar polas mañás (de 10.00 a 14.00 horas) no complexo deportivo de As Eiroas e os obxectivos da cita son mellorar as habilidades futbolísticas e deportivas dos asistentes, con especial atención á aprendizaxe dos conceptos do xogo individual e das habilidades do xogo do porteiro; e aos valores que representa o Depor: respecto, solidariedade, amizade, xogo limpo, integración, esforzo e felicidade na práctica deportiva. Os asistentes poderán aprender co Método Depor, baseado na mellora do xogador mediante a formulación de desafíos técnicos, xogos de relación co balón, situacións básicas, xogos posicionais e partidos nos que aplicar as ensinanzas. Para obter máis información ou formalizar a inscrición, hai que acudir á sede do Real Club Deportivo (Praza de Pontevedra, 19, 1º) na Coruña.

Respecto do prezo do campus, é de 100 euros (IVE incluído), aínda que aplicarase un 20 por cento de desconto no caso de que os participantes pertenzan ás Escolas Luís Calvo Sanz ou ao Bergantiños FC; no caso das familias cos dous membros en paro; ou no caso das familias que inscriban a máis dun fillo (aplicarase o desconto a cada un deles). O campus será gratuíto para os xogadores pertencentes ao Deportivo. O Presidente das EF Luís Calvo Sanz, Luciano Calvo, manifestou que foi unha decisión da entidade facilitar o acceso aos descontos para favorecer “que todos os nenos e nenas que o desexen podan participar”. Estivo acompañado, ademais de por Toché, polo Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero; polo Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo; por por Pablo Barros, adestrador de categorías de base do Deportivo; e por José Barcala, Director de metodoloxía da canteira do Deportivo. Barcala subliñou que o Depor Campus xa é unha realidade, non só en Carballo, senón tamén en Monforte, Viveiro, Rianxo e Ferrol, cumprindo o obxectivo do club “de chegar a todos os lugares de Galicia”. Para Barcala, o campus é unha boa forma de “aprender, divertirse e relacionarse con outros compañeiros” e expresou que o Depor Campus de Carballo “é exemplar, un referente para a comarca”.

Pechou o acto Evencio Ferrero, que en primeiro lugar, e dadas as dificultades durante a presente tempada, desexoulle a Toché e a todo o Deportivo que consigan o obxectivo de manter a categoría. Felicitou tamén ás Escolas Luís Calvo Sanz e ao Bergantiños FC polo traballo que realizan co campus e animou a todos os nenos e nenas presentes para saudar a Toché a que aproveiten “a oportunidade de aprender no que vos gusta, que é o fútbol”.

14 de maio de 2015 | 18:41 • Sen comentarios

Comentarios pechados.