Carballo celebra o Día das Letras con música, teatro, exposicións, citas lúdicas e moitos libros
Carballo celebra cada ano o 17 de maio, Día das Letras, cun completo programa de actividades que se prolonga durante todo o mes e no que o teatro e a música son un elemento fundamental. Ademais, o Xardín Municipal acolle o xa tradicional maratón “As letras en voces”, que terá lugar o propio domingo 17 de maio de 11.00 a 13.30 horas, nunha cita que conta coa colaboración das asociacións culturais e centros de ensino do municipio. Trátase dunha lectura pública e colectiva dos autores e autoras homenaxeados no Día das Letras na que calquera que queira participar le un fragmento literario de calquera dos máis de cincuenta persoeiros que teñen sido recoñecidos este día, con especial atención ao escollido este ano, o escritor, intelectual e investigador Xosé Filgueira Valverde, coñecido como “o vello profesor”. A cita contará coa colaboración da Banda Municipal de Gaitas, da AC Coral Ribeiras do Anllóns e dos grupos de cantareiras Argazo, Razo e Nemeth. Así mesmo, está previsto que o Xardín Municipal acolla o XXXIV Concurso Infantil de Pintura Luís Calvo que organiza a AC Lumieira; e ás 12.00 horas o Xardín acollerá un espectáculo de monicreques e contos a cargo de Larraitz Urruzola, e titulado “Ai, Rosalía, Rosalía”. A mañá pecharase, como cada ano, co Concerto das Letras que ofrece a Banda Municipal de Música ás 13.30 horas na rúa Coruña (en caso de choiva, todas as actividades se trasladan ao 2º andar do Mercado).
Os interesados e interesadas en reservar horario para ler no maratón, poden obter máis información e facelo no propio Pazo da Cultura e no teléfono 981 704 300. Respecto do resto do programa, as citas poden agruparse arredor do teatro e máis da música no Pazo da Cultura e no Xardín Municipal, sen esquecer as citas na Biblioteca Rego da Balsa, que inclúen proxeccións, faladoiros e contacontos. Respecto do teatro, o programa arrinca o venres 8 e sábado 9 de maio co novo espectáculo da Aula de Teatro Municipal de Carballo (ATM), “Sombras na noite”, baseado nunha proposta de Woody Allen, unha comedia trepidante e con moito suspense que transcorre nas rúas de Nova York. Ademais, a AC Coro Vagalume presenta o 23 e 24 de maio as súas novas propostas teatrais con “Crispín e a profecía”, “Vikingos”, “Escola de piratas”, “Todo é un conto” e “Un conto de piratas”. Seguro que o Pazo da Cultura se enche cos novos espectáculos de Vagalume. A programación teatral péchase o mércores 3 de xuño coa posta en escena das propostas do Obradoiro da Aula Municipal de Teatro, cunha serie de traballos realizados a modo de taller experimental polo alumnado da aula.
Concertos de Novos intérpretes e citas na Biblioteca
No apartado musical, ademais das citas do Día das Letras no Xardín Municipal, o 17 de maio tamén ten lugar o Festival de Música e Baile tradicional “Encontros Culturais Arume” no Local Social de Verdillo. E o 27 e 28 de maio, e o 4 e 5 de xuño, celébranse os concertos de Novos Intérpretes co Conservatorio Profesional de Música, nos que o alumnado amosa o traballo realizado durante o curso. A Biblioteca Rego da Balsa acolle tamén numerosas citas do programa. A primeira, o xoves 7 de maio cun faladoiro titulado “Desde o corazón do futuro da lingua” a cargo do coñecido científico Jorge Mira. O mércores 13 é a quenda da proxección da peza audiovisual “Carballo opina”, ademais da presentación da nova canle de televisión en galego, “Irmandade TV”. No apartado de contacontos, a Biblioteca acolle dous citas. Unha o mércores 20 de maio coa compañía Trinke Trinke, que presenta “Aventuras na cociña” e que está dirixida a nenos e nenas de 3 a 8 anos; e outra o xoves 28 coa colaboración das nais e pais usuarios da Biblioteca Rego da Balsa dentro do programa “Nais e pais contan!”. Desta volta, as encargadas de facer o contacontos serán Noelia Pérez e Ainhoa García.
Por último, hai que destacar a celebración entre o 11 e o 15 de maio da X Semana do Libro e a Lectura, con exposicións, obradoiros para nenos e nenas, contacontos, etc., con citas todos os días ás 18.30 horas de balde para público familiar; os percorridos da Primavera en Ruta de Senda Nova, que en maio nos levarán a Trazo, Malpica, Cabana e Sofán; a exposición do XVII Certame Fotográfico Xosé Manuel Eirís, con 68 imaxes espectaculares; ou a entrega do Premio a Artigos Xornalísticos Normalizadores á gañadora deste ano, a carballesa Luz Cures. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, que presentou o programa xunto coa Concelleira de Cultura, Mar Eirís, subliñou a “vitalidade” e “intensidade” das actividades culturais do Concello, o que fai de Carballo unha vila “dinámica” e con propostas “tremendamente interesantes”. Os interesados e interesadas en descargar o programa completo de actividades do mes das Letras, poden facelo en pdf máis abaixo nesta mesma nova.











