Carballo acollerá a fase final provincial alevín e benxamín de balonmán

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCarballoDeportes
A-
A+
Presentación da proba deportiva

Presentación da proba deportiva

As Escolas Balonmán Xiria (EBX) organizan o sábado 23 de maio a Fase Final da Liga Alevín e Benxamín de Balonmán que se disputará no Pavillón Municipal Vila de Noia e na que participan un total de oito equipos en categoría alevín e outros tantos en benxamín (clasificados dende os grupos leste e oeste da liga regular). Máis de 200 xogadores, incluídos os dos catro equipos que participan por parte dos anfitrións, ocuparán o pavillón nunha xornada ininterrompida que está previsto que finalice arredor das 20.00 horas (momento para o que está programada a entrega de trofeos) e na que se disputarán un total de 48 partidos, 24 en cada categoría. Entre os equipos, os delegados, os adestradores e público asistente, está previsto que arredor de mil persoas celebren esta festa do balonmán das categorías de base en Carballo. Por parte do Balonmán Xiria está prevista a participación do Laber Xiria e o OAK English Centre Xiria en categoría benxamín, que competirán co Esc. Municipal Abegondo A e B, co AD Alca, coas Escolas OAR, co Arteixo Balonmán e co Balonmán Camariñas; e o LK Xiria e Ifecgas Pereira Xiria en alevín, que competirán co BM Culleredo Paxariñas, co BM Culleredo-Tarrío, co Arteixo Balonmán, coas Escolas OAR, co CBM Ribadosar e co AD Alca. As eliminatorias, segundo explica o delegado provincial da Federación Galega de Balonmán, Bruno López, disputaranse dende os cuartos de final, coa final en categoría Benxamín prevista para as 17.00 horas; e en Alevín para as 19.00 horas.

José Antonio Rodríguez, Vicepresidente das Escolas Balonmán Xiria, quixo agradecerlle á Federación Galega a posibilidade de celebrar por segunda vez esta fase final provincial en Carballo, así como o pulo que o Concello lle dá a este tipo de citas. Para Rodríguez, “esta competición ten a mesma importancia que calquera outra”, aínda que se trate de categorías de base, ou incluso máis, xa que “por aquí é por onde comeza o traballo e veñen as mellores consecuencias para o noso deporte”. O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, quixo subliñar o “sobrado nivel deportivo” dos equipos das EBX, que poderán competir “por proclamarse campións provinciais” e que chegan á cita con opcións de conseguilo. E o Alcalde, Evencio Ferrero, dixo que está “encantado de poder ver o sábado algo de deporte, e que ese deporte sexa o balonmán”. Ferrero espera que o Balonmán Xiria “demostre unha vez máis o alto nivel de formación das súas escolas”. Para o rexedor, o Concello ten “a obriga” de “abrir as súas instalacións para que as nosas entidades amosen o seu bo facer” e desexoulle sorte aos equipos locais para a cita do sábado. 

21 de maio de 2015 | 18:19 • Sen comentarios

Comentarios pechados.