publicidade hoxe

Candidatura para ampliar a maioría absoluta en Castrelo de Miño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaCastrelo de Miño
A-
A+
Foto oficial da candidatura

Foto oficial da candidatura

Tras o éxito de participación na presentación realizada este pasado domingo á que asistiron máis de 300 veciños e veciñas de Castrelo de Miño, os membros da candidatura do BNG – Asembleas Abertas reuníanse de novo no día de hoxe no parque náutico para realizar a foto oficial da candidatura.

O motivo da elección do lugar é debido a que desde que goberna o BNG Castrelo de Miño a política municipal virou de sentido e deixou de darlle as costas ao río para mirar cara el e convertir o Miño nunha nova fonte de recursos. Así teñense realizado nestes anos numerosos paseos fluviais, zonas e postos de pesca deportiva, un catamarán municipal percorre as súas augas durante o verán, instalaronse novos pantaláns e reformouse a pista olímpica de remo que permite a realización das máis variadas probas deportivas internacionais.

A candidatura do BNG – Asembleas Abertas está composta por 19 veciños e veciñas de Castrelo de Miño, sendo a maioría deles independentes e novas incorporacións deste ano 2015.

O alcalde e candidato Xurxo Rodriguez Mendez manifestou que con esta candidatura aspiran a consolidar e incluso ampliar a maioría absoluta da que actualmente dispón o BNG en Castrelo de Miño. As previsións indican que o BNG pode chegar ata os 7 concelleiros de 9 que ten a corporación.

O traballo ben feito nos últimos 8 anos e a incorporación de nova xente á lista, que se suma a un experimentado equipo de goberno encabezado por Xurxo Rodriguez Méndez fan prever un excelente resultado electoral para o BNG de Castrelo de Miño. 

Fronte a esta forte e unida candidatura do BNG de Castrelo, o partido independente que levaba 8 anos presentandose en Castrelo desistiu de presentarse nesta ocasión. O PSOE cambia de novo (como en 2011) ao seu cabeza lista e non repetirá o actual concelleiro, e o PP presenta unha lista improvisada de última hora. Non repite o anterior cabeza de lista e actual concelleiro Alejandro Martinez que abandona a corporación ao non figurar na lista do PP de 2015. Tras presentar publicamente como candidato oficial no pasado mes de decembro ao actual concelleiro e número 2 Avelino Pazos, este non será definitivamente o candidato oficial e nin sequera vai na lista do PP, xa que a punto de finalizar o período para presentar candidaturas ante a xunta electoral, o PP presentou un novo candidato e unha lista de circunstancias que perde a 12 das persoas que hai 4 anos ían na candidatura.

Preséntase polo tanto un ambiente favorable ás previsións de ampliar a maioría absoluta do BNG, xa que é a única candidatura que une as novas incorporacións e a experiencia de goberno, cun cabeza de lista como Xurxo Rodriguez Méndez, coñecido por todos os veciños e moi ben valorado pola formidable xestión realizada nestes últimos 8 anos.

De todos os xeitos, o BNG de Castrelo de Miño fará como é habitual unha intensa campaña electoral na que realizará mitins en todas as parroquias do concello, e percorrerá todas as aldeas de Castrelo.

5 de maio de 2015 | 10:35 • Sen comentarios

Comentarios pechados.