Campaña de doazón de sangue en Ribadumia
O Centro de Transfusión de Galicia (CTG) instalará o vindeiro luns 18 de maio unha unidade móbil de transfusión xunto ao Concello de Ribadumia. A unidade estará instalada durante todo o día en horario de 10:00 a 14:00 horas e pola tarde de 16:00 a 21:00 horas para que os veciños poidan acercarse a doar.
As unidades móbiles do Centro de Transfusión de Galicia percorren todos os puntos da Comunidade para facilitar ós cidadáns o acto de doazón de sangue co obxectivo e a necesidade de acadar 500 doazóns de sangue ó día.
Nesta ocasión, o Concello de Ribadumia colabora coa CGT para lograr acadar no noso municipio a dose que teñen estipulada por día. Por iso, dende o Concello pedimos a máxima difusión e ,sobre todo, participación por parte dos veciños en colaborar neste xesto solidario.
Antes de cada doazón un médico realizará unha entrevista confidencial para descartar problemas que impidan a súa realización. Poderán asistir á unidade móbil a doar sangue persoas cunha saúde normal, con máis de 50 quilos de peso e cunha idade comprendida entre os 18 e 65 anos. É imprescindible non padecer nin ter padecido enfermidades transmisibles polo sangue -hepatite B, hepatite C, sífilis ou SIDA-.











