Calvo e o Concello de Carballo desenvolven o festival “Dando la lata” con motivo do 75 aniversario da conserveira

Presentación de “Dando la lata”
Conservas Calvo celebra os seus 75 anos de vida a través dun festival que pretende, en verbas do seu Presidente, Luciano Calvo, agradecer o traballo de tantos veciños e veciñas de Carballo e da contorna que teñen contribuído ao crecemento da empresa, xa que por eles “chegamos a onde estamos nestes momentos”. Baixo o título de “Dando la lata” e coa colaboración do Concello, a iniciativa pretende ofrecer opcións lúdicas e de lecer para todos os públicos con opcións moi variadas que van dende o humor, ata a danza, pasando polo pop-rock, o jazz, a música máis transgresora ou un espectáculo infantil. Luciano Calvo vén de asinar co Alcalde de Carballo en funcións, Evencio Ferrero, o convenio de colaboración que fará posible o desenvolvemento desta cita que terá lugar no marco do Verán Cultural durante cinco venres e un sábado do mes de xullo e que inclúe seis espectáculos na Praza do Concello e no Rego da Balsa. O 3 de xullo é a quenda de Humor Calvo, con David Amor, Ález Clavero e Fran El Chavo que animarán a noite ao máis puro estilo El Club de la Comedia.
O 10 de xullo haberá Música para Mozos con reggae e folk da man de Samarúas, Rayden Mediyama/Mesh, e Darwin. O 17 de xullo gozaremos coa danza flamenca e os “Barcos dos mundos” de Dancem. O 18 de xullo volvemos á musica co Festival Pop-Rock Calvo, un concurso no que se convida a participar a todos os creadores musicais e grupos de Carballo e a contorna. O 24 de xullo é a quenda da música infantil con Mamá Cabra. E o programa remata o 31 de xullo cunha Noite de Jazz da man de David Dominique Jazz Band. Todas as citas son de balde.
Evencio Ferrero quixo agradecerlle a Luciano Calvo a implicación da empresa e tamén que faga posible “que celebremos todos xuntos estes 75 anos”. Subliñou que a implicación de Calvo “non é só nesta programación especial”, senón de cotío ao longo de todo o ano. Para Ferrero, Calvo é unha empresa “de altísima responsabilidade social”. O Alcalde espera que “Dando a lata” sexa unha “festa para a empresa e para todas as persoas que estiveron nalgún momento vinculadas a ela” e desexou “que Calvo siga dando a lata outros 75 anos máis”.











