Cabanas Rural reedita a tarde solidaria a favor de AFAL Ferrolterra

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaFerrol
A-
A+

A presidenta de AFAL Ferrolterra, Milagros Prieto, e a vicepresidenta de Cabanas Rural Asociación de Mulleres, Beatriz Carbón, presentaron esta mañá o programa de actividades da Tarde Solidaria que, por sexto ano consecutivo, organiza a entidade a beneficio do traballo que desenvolve AFAL. Unha cita moi especial que, na pasada edición, congregaba a un millar de persoas no pavillón de Lavandeira. Nesta ocasión, celebraráse o 6 de xuño, a partires das 16,30 horas, e como é habitual, non faltarán as exhibicións de baile, a cargo da Academia Fusion Dance; a música da tuna; as demostracións en directo das manualidades que realizan ao longo do ano os socios de Cabanas Rural, unha chocolatada e a creación dun bonito cadro entre os maiores de AFAL Ferrolterra e as mulleres da entidade de Cabanas, guiados uns e outros pola profesora e pintora María Porto.

Foi precisamente esta quen propiciaba hai xa seis anos a orixe desta tarde. Profesora de pintura en ambas asociacións deu lugar ao encontro entre ambas. A partir de ahí, Cabanas Rural propúxose organizar este evento solidario, un dos primeiros na comarca, e con moito esforzo e horas de adicación lograron que, xa na primeira edición, resultase todo un éxito. Beatriz Carbón atribúe esta boa acollida ao traballo da entidade e á colaboración do comercio e dun bo número de persoas particulares, anónimas, que botan unha man sempre. E é que os primeiros preparativos comezan xa en xaneiro. Todo se realiza roubándolle tempo libre ao día a día da directiva, e é que ata preparan boa parte dos biscoitos que integran o menú da merenda. Nesta liña, Beatriz Carbón agradece tamén a colaboración das panaderías da zona, que lles regalan unha bola por cada unha que mercan. Así mesmo, destaca a xenerosidade dun sinfín de negocios e pequenos comercios de Cabanas, pero tamén doutras localidades como Narón, de particulares e das profesoras de manualidades da entidade, que ceden os agasallos que máis tarde se sortean. Precisamente, a recadación das rifas destínase integramente a AFAL Ferrolterra.

A súa presidenta, Milagros Prieto, agradecía moi especialmente a colaboración de Cabanas Rural, pero sobre o cariño e amor que sempre lles trasladan aos maiores e á propia asociación, a ilusión que poñen en cada Tarde Solidaria, pero tamén a súa presenza na Cea Solidaria que cada ano organiza AFAL co gallo do Día Mundial do Alzheimer.

Por último, ambas animaron á veciñanza a asistir de novo este ano á Tarde Solidaria de Cabanas Rural e pasar unhas horas agradables por unha boa causa.

19 de maio de 2015 | 12:47 • Sen comentarios

Comentarios pechados.