Caballero recorrerá a proposta de sanción da Xunta Electoral
O alcalde de Vigo e candidato socialista á reelección, Abel Caballero, recorrerá a proposta de sanción da Xunta Electoral de Zona de Vigo, que pretende impor ao rexedor unha multa de 3.000 euros por incumprir a lei electoral cun acto celebrado en dependencias municipais o pasado 14 de abril.
Segundo confirmaron fontes próximas ao candidato, Abel Caballero mostrou todo o seu “respecto” á resolución da Xunta Electoral, pero confirmou que recorrerá dita resolución, emitida tras unha denuncia do PP (á que se sumou posteriormente o Movemento REDE).
Nese documento, constátase que as probas documentais achegadas “proban claramente” que Caballero, ao reunirse con representantes de diversos colectivos sociais, na seu maior parte “persoas de avanzada idade, valorando os logros do seu goberno e destacando os investimentos efectuados en programas para maiores” acometeu unha actuación “prohibida”.
Caballero presentou senllos escritos, “con idénticas alegacións”, nas que daba por “certo” que o 14 mantivo “unha reunión de traballo” con persoas integradas en distintos colectivos sociais que, “na súa maior parte, incorporan a persoas de avanzada idade”.
ARGUMENTOS
Matizou o rexedor, segundo o documento, que este encontro se enmarcaba nun contexto de “información a colectivos, de comunicación directa, inmediata e eficaz, imprescindible no funcionamento dos servizos públicos”, e que “non houbo alusión nin mención aos logros, resultados ou éxitos da súa xestión” e, por tanto, non se deu “infracción algunha” da lei electoral.
A Xunta Electoral non deu por válidos os argumentos do alcalde e ratificouse en que as “probas documentais achegadas” evidencian que “valorou” os logros do seu goberno e destacou investimentos neste encontro, polo que participaría nun acto “prohibido”.











