Caballero arremete contra Ana Pastor por irse de mitins mentres Peinador sufría un caos
O alcalde de Vigo, Abel Caballero, mostrou este luns a súa “indignación e enfado” pola “grave neglixencia” da ministra de Fomento, Ana Pastor, á que acusou de irse “de mitins” na cidade, mentres o aeroporto de Peinador estaba sumido no “caos” pola desactivación do sistema antinéboa, que obrigou a desviar e cancelar numerosos voos (debido ao mal tempo).
Nunha rolda de prensa, o rexedor olívico criticou que Fomento decidise desactivar o sistema ILS do aeródromo vigués “nun das máis importantes fins de semana de tráfico aéreo”, e a pesar das previsións de mal tempo. “Abondaba con ver as predicións para ter a cautela de pospoñelo unha ou dúas semanas”, apuntou.
Así, Caballero denunciou o “caos” en que quedou sumida a terminal viguesa, con máis de 40 voos desviados ou cancelados, e uns 6.000 pasaxeiros afectados. A ese respecto, criticou a organización improvisada no traslado de pasaxeiros entre Vigo e Santiago, así como a falta de información e de atención a todas as persoas que “quedaron tiradas”.
A ese respecto, o alcalde de Vigo afeou a ministra de Fomento que non se presentase en Peinador e que, mentres todo isto sucedía, “se foi facer mitins políticos pola zona de Vigo”.
Ante a previsión de que o aeroporto da cidade estará sen ILS durante dous meses, Caballero esixiu Fomento que poña en marcha “un plan de acción” listo para activarse cando sexa necesario. Ao seu xuízo, debe despregarse un dispositivo que contemple a presenza permanente de autobuses, así como persoal para atender e informar os viaxeiros en caso de previsión de novos problemas por mal tempo.
“A miña protesta máis firme, en nome dos 6.000 viaxeiros que quedaron tirados, no maior caos que houbo nunca na historia de Peinador. E a ministra facendo como que non vía”, proclamou Caballero, quen recordou que, sen sistema antinéboa, as aproximacións á terminal de Vigo se fan “como nos anos 50 e 60”.
ALFONSO RUEDA
Pola súa banda, o vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, preguntado polos medios acerca dos incidentes de Peinador durante a ponte, recoñeceu que a retirada do ILS coincidiu cunha meteoroloxía “moi adversa”, pero recordou que esa decisión se tomou para acometer “obras de mellora” que impidan que “esas circunstancias non se volvan repetir”.
Así, segundo Rueda esa decisión xustifícase porque nalgún momento hai que facelo, e canto antes mellor”. “Ninguén pode impedir que haxa mal tempo, e noutro momento poderíase repetir unha circunstancia similar”, apuntou con respecto á conveniencia ou non de desactivar o sistema na ponte do 1 de maio.











