Benestar pon en valor a formación dos maiores para un envellecemento activo
A secretaria xeral de Política Social da Consellería de Traballo e Benestar, Coro Piñeiro, puxo hoxe en valor a formación dos maiores como unha das bases do envellecemento activo. Así o salientou tras asistir á presentación en Vigo do proxecto Ágora da Federación Galega de Asociacións Universitarias Séniors-Fegaus, unha iniciativa pola que mostrou o seu interese.
Ao respecto, lembrou que Galicia foi nomeada rexión de referencia do envellecemento activo pola Comisión Europea. Así, desde a Consellería de Traballo e Benestar, estanse a impulsar diversas iniciativas nesta materia como os sistemas avanzados de teleprevención; os centros sociocomunitarios; ou o programa de Benestar en balnearios.
Ademais, estritamente en materia de formación e entre outras iniciativas, Piñeiro destacou que o departamento autonómico colabora directamente no desenvolvemento das aulas da terceira idade; así como coas tres universidades galegas e a UNED para levar a cabo o programa de universidade Sénior.
En definitiva, resumiu, o obxectivo é impulsar todas aquelas accións que garantan que os maiores galegos poidan disfrutar dun “envellecemento activo, pleno e feliz”.











