Benestar eloxia a labor de Afaco para mellorar a calidade de vida dos enfermos de alzheimer

Coro Piñeiro na visita ao centro de Afaco. Foto: M. Fuentes
A secretaria xeral de Política Social, Coro Piñeiro, visitou hoxe o centro de día da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer da Coruña (Afaco) para pulsar a súa realidade e coñecer de primeira man as demandas da directiva, dos traballadores e dos usuarios, cos que mantivo unha xuntanza.
A secretaria xeral está a realizar unha rolda de visitas a diversos centros residenciais de Galicia co obxectivo de analizar de cerca as necesidades e as inquietudes vencelladas aos mesmos, tanto no plano material, como persoal, ou de recursos humanos.
Afaco forma parte da Federación de Asociacións galegas de familiares de enfermos de Alzheimer e outras demencias (Fagal). A Consellería de Traballo e Benestar colabora no seu mantemento desde hai cinco anos. En concreto, en 2015 está a destinar 40.800 euros, 22.800 euros para o convenio anual e 18.000 nun novo convenio de colaboración que ten como obxectivo financiar os programas de apoio a coidadores de persoas en situación de dependencia enfermos de Alzheimer e outras demencias residentes en Galicia.
Coro Piñeiro indicou que para o departamento autonómico “é fundamental prestar unha atención de calidade ás persoas que padecen Alzheimer baseada na eficiencia”. Neste sentido, hai que lembrar a Carteira de Servizos para as persoas con dependencia, posta en marcha en 2013 e que permite que cada usuario acceda aos servizos que realmente precisa.
Ademais, conta cunha carteira específica deseñada para o colectivo de persoas enfermas de Alzheimer que define servizos de prevención e promoción da autonomía persoal, axuda a domicilio, e atención diúrna, nocturna e residencial, especialmente dirixidos a estas persoas.
Así mesmo, existe tamén a rede de centros de Alzheimer de Galicia, que abrangue 13 centros na actualidade, un total de 412 prazas públicas, o 43% delas creadas por este Goberno nos últimos cinco anos.











