Benestar defende a intervención educativa como elemento para os menores que cumpren medidas xudiciais
A directora xeral de Familia e Inclusión, Amparo González, inaugurou esta mañá a xornada “Educar hoxe en contextos diferenciados”, organizada pola Asociación Arela e a Fundación Barrié, no marco do programa Educativo Katorce18, que ten como obxectivo achegar a Lei do Menor a distintos colectivos, nomeadamente adolescentes, pais e nais, e profesionais do sector.
González considerou que resulta “imprescindible” informar aos menores das posibles consecuencias dos seus actos, como medida preventiva co fin de evitar que cometan condutas constitutivas de infracción penal, así como tamén é “importante” informar ás familias e aos profesionais que traballan na súa educación dos diferentes tipos de medidas que os xulgados poden impoñer, e do carácter educativo destas.
Así, aclarou que a Lei do Menor vai dirixida á educación da persoa infractora, polo que a intervención educativa é un “elemento esencial” na execución das medidas. De aí que sexa “fundamental dotar aos profesionais da formación necesaria para mellorar a súa capacitación e actualizar os seus coñecementos”, co fin de que poidan abordar as dificultades que se lles poidan presentar no seu labor diario.
“Debemos continuar traballando desde unha perspectiva preventiva e de educación en valores para que o número de delitos e faltas que cometan os menores sexa cada vez menor”, apuntou González, quen asegurou que programas como este e o labor diario de todos os profesionais “axudan a acadar este obxectivo”.











