Benestar colabora con Proxecto Home na inclusión sociolaboral das persoas en risco de exclusión

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaGalicia-
A-
A+
Beatriz Mato asina o convenio co director de Proxecto Home Galicia. Foto: X. Crespo

Beatriz Mato asina o convenio co director de Proxecto Home Galicia. Foto: X. Crespo

A Consellería de Traballo e Benestar volverá a colaborar este ano con Proxecto Home, a través da Fundación Monte do Gozo, cara á inclusión social e laboral das persoas en risco de exclusión. Para elo, a titular do departamento autonómico, Beatriz Mato, asinou hoxe en Santiago un convenio de colaboración co director de Proxecto Home Galicia, Ramón Gómez.

Benestar blinda esta iniciativa e destinará este ano preto de 136.000 euros para a integración satisfactoria no ámbito familiar, social e laboral das persoas a tratamento nos distintos programas que xa se atopen na fase de reinserción social. Esta fase realízase en réxime ambulatorio, semi-residencial ou residencial.

A Fundación Monte do Gozo desenvolve unha serie de actuacións encamiñadas á inclusión socio laboral englobadas nun programa marco denominado ‘Proxecto Home’ de atención, rehabilitación e reinserción social de persoas con adiccións. Os programas que leva a cabo dependen do tipo de adición e do perfil psicosocial do usuario polo que contan cunhas características diferenciadas que permiten unha abordaxe integral e individualizada das distintas problemáticas.

Os programas que se desenvolverán a través desta actuación poden incluír alternativas residenciais, obradoiros ocupacionais dirixidos á mellora das habilidades e destrezas e actividades enfocadas á consecución dun emprego normalizado, incluída a intermediación laboral.

O programa educativo-terapéutico Proxecto Home de atención, rehabilitación e reinserción social das persoas en risco de exclusión lévase a cabo en dispositivos emprazados en Santiago, Vigo, Ourense, Lugo, A Coruña, Pontevedra.

4 de maio de 2015 | 13:08 • Sen comentarios

Comentarios pechados.