Baskonia triunfa no fin de festa do Rio Natura Monbus Obradoiro

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaDeportesSantiago de Compostela
A-
A+

O Laboral Kutxa Baskonia asaltou o Multiusos Fontes do Sar na última xornada da liga Endesa. Os vitorianos, máis necesitados que o Rio Natura Monbus, xogándose evitar ao Real Madrid e Barcelona na primeira rolda dos  Playoffs da liga Endesa.

Sar, ante todo, foi unha festa. Desde a previa do partido, cando os xogadores agradeceron cunha enorme pancarta o apoio, o esforzo, e a fé inquebrantable da Mellor Afección da liga Endesa. Ademais, recibiu o aplauso unánime Maxi Kleber, galardoado co premio Estrella Galicia, que coroaba ao mellor xogador do Rio Natura Monbus esta tempada. O alemán, unha das sorpresas agradables do curso, pechou a tempada cun novo despregamento de talento. Aínda que non estivo tan acertado como noutras ocasións (sete puntos), batallou como sempre polo rebote, para un total de dez: oito en defensa e outros dous en ataque.

Ibon Navarro expuxo unha sensacional partida de xadrez. Os defensores baskonistas conseguiron anular calquera conexión con Kleber, provocando perdas e imprecisións a pesar de lograr tiros liberados. En ataque, o combiando vitoriano encomendouse a un sensacional Kim Tillie. O francés, ao cabo mellor xogador do encontro, con 31 de valoración, empezou o seu recital con nove tantos, imparable para os homes altos do Rio Natura Monbus Obradoiro.

Ao repertorio anotador do á pivote de Baskonia, respondeu o incombustible Corbacho. Alberto, fixo de todo. Asistiu, reboteou e, por suposto, anotou. A súa velocidade á hora de armar o brazo fixo trizas á pegañenta defensa vasca, para desesperación de Ibon Navarro. (16-24). 

O Laboral Kutxa non afrouxou no segundo cuarto, e ameazou coa escapada aproveitando as perdas do Rio Natura. De pouco serviu a perseveranza de Giannopoulos ou o sacrificio en defensa de Pozas. O combinado azulgrana, con Fabian Causeur á cabeza, puxo a directa pouco antes da explosión de Waczynski.

O polaco soltouse mediado o segundo cuarto e desencadeou unha tormenta imparable para Baskonia. Sete puntos consecutivos embolsouse o escolta. Ademais, tamén acertou Pumprla de lonxe, da mesma maneira que se colgou do aro para pór fin a un contraataque (34-42).

Tal e como acabou a primeira metade comezou a segunda. Con Pumprla exercendo de heroe. A garra do checo espoleou ao pavillón e fixo crer á afección cunha nova remontada. Nankivil e Miller triangularon á perfección, e a eles sumouse de novo Corbacho, con outro tres triplos, para acabar a contenda con 18 puntos.

Deu a volta ao encontro o Rio Natura Monbus Obradoiro grazas a unha defensa maxistral. Os cinco da cancha e os case 5000 espectadores que poboaron as bancadas, afogaron ao Baskonia cortocircuitando as ideas dos xogadores de Navarro. Coincidindo coa entrada de Cárdenas, o Rio Natura Monbus fiou cinco minutos practicamente perfectos. Tivo que emerxer Causeur para devolverlle a iniciativa aos visitantes (54-58).

Deu as súas últimas rabexadas a escuadra de Moncho Fernández durante os primeiros minutos do último cuarto, pero non se engurrou Baskonia pese ao alto voo de Triguero para anular ao espectacular Mike James. Cárdenas continuou facendo maxia, repartindo xogo para Triguero e anotando desde media e longa distancia. En día electoral, o base onubense saíu aclamado por maioría absoluta por un respectable que clamou pola súa continuidade. Fran respondeu cun xogo explosivo, incendiario e efectivo. 

Cando o partido avanzaba cara a un final trepidante, Laboral Kutxa deu a puntilla aos galegos. Kim Tillie mantívose infalible desde a esquina, e entón entoouse San Emeterio, igual de letal que fai catro días ante o Real Madrid. O cántabro, que acabou con 15 puntos, sumou dez no último cuarto, infalible en tiros de tres.

A falta de dous minutos, xa ninguén reparaba no marcador. O resultado era o de menos nunha tarde festiva e primaveral en Santiago de Compostela. O público festexou a segunda mellor tempada na historia do club e coreou a todos os seus integrantes. Non faltou ninguén, desde Miller ata Moncho Fernández, pasando por Nankivil ou Tomás Richartz, todos eles actores principais nun curso concluído cunha nota máis que sobresaliente. 

Foi a traca final a unha tempada inesquecible, iniciada alá polo mes de agosto cos primeiros adestramentos, ilusionante desde a conquista da quinta Copa Galicia en Lugo. Con 15 triunfos, 12 deles logrados en Sar, o Rio Natura Monbus Obradoiro pechou o pano da tempada 204-15. No horizonte, un novo curso na segunda mellor liga do mundo, co aliciente da Copa do Rei do mes de febreiro ilusionando ao obradoirismo.

Na próxima tempada, o Rio Natura Monbus Obradoiro contuniará batallando en Liga Endesa para seguir Facendo Historia.

25 de maio de 2015 | 13:29 • Sen comentarios

Comentarios pechados.