Ballet clásico e galego, superhéroes, princesas e piratas na oferta cultura do fin de semana en Vilagarcía
O fin de semana chega cunha oferta cultural especialmente dirixida ao público infantil e familiar, pero tamén para os amantes da danza. Estes terán a oportunidade o sábado de asistir ao espectáculo de ballet clásico e galego de Lendaria e os máis novos poderán elixir o domingo entre o musical “A Bola Máxica” no Auditorio ou a actuación do grupo de animación Troula en Fexdega.
O Estudo de Danza Lendaria organiza un espectáculo benéfico a favor da asociación BATA de tratamento do autismo. Para a ocasión, a escola preparou unhas coreografías de ballet clásico e de ballet galego das que poderán gozar toas as persoas que acudan o sábado, 9 de maio, ao Auditorio Municipal a partir das 21:00 horas. As entradas véndense a 5, 4 e 3 euros e pódense mercar no propio Estudo de Danza ou o día da función, no Auditorio a partir das 19:00 horas.
O domingo os superheroes e princesas máis famosos e famosas dos contos desembarcan no Auditorio no musical “A Bola Máxica”, un espectáculo de produción galega e cunha impresionante posta en escena. A representación comeza ás 18:00 horas e as entradas pódense adquirir por servinova a 12 euros (máis custes de xestión) ou o domingo a partir das 16:00 horas no Auditorio. A produtora ofrece descontos do 10% por cada 10 entradas adquiridas a través da billeteira telefónica do 902 504 500.
A Bola Máxica trata da orixinal e divertida historia de Tecnecio (TC), un valente guerreiro chegado doutro mundo, e que non se parece nada ao concepto que se soe ter do que é un extraterrestre. TC vive nun planeta chamado Actímidis, onde todo é gris e escuro; onde ninguén sabe divertirse e os nenos están sumidos na tristura. Por isto, o Re de Actimidis envía a ao planeta Terra coa misión de coñecer a causa da alegría e felicidade dos nenos terrícolas. Para esta misión TC contará coa axuda dos Duendes do Ben e cunha guía de excepción: a meiga-fada “A”, a encargada de aprender e gardar toda a ilusión, diversión e fantasía na súa Bola Máxica. Na súa aventura pola Terra, TC irá atopándose cos algúns dos heroes e princesas máis coñecidas dos contos e das fantasías de todos os nenos e nenas do noso Planeta.
Última parada dos Fexteiros
O programa Fexteiros, posto en marcha pola Concellería de Xuventude para ofertar diversión aos máis cativos da casa durante as tardes do domingo, remata esta fin de semana cunha colorista e dinámica actuación. O grupo de animación Troula será o encargado de encher de “Piratas” o recinto de Fexdega a partir das seis da tarde. A entrada é libre e de balde.











