As XIII Xornadas Técnicas de Vacún de Leite celebraranse o 12 e 13 de novembro
A Facultade de Veterinaria de Lugo (USC) acollerá os días 12 e 13 de novembro unha nova edición, a décimo terceira, das Xornadas Técnicas de Vacún de Leite de SERAGRO.
Co paso dos anos, este foro converteuse nun encontro de referencia para gandeiros, técnicos, alumnos, comerciais e demais profesionais do sector leiteiro. Sen ir máis lonxe, o ano pasado pasaron polo auditorio da Facultade de Veterinaria unhas 800 persoas cada día, unha cifra que confirma a consolidación destas xornadas no calendario do sector gandeiro galego.
En Seragro traballamos agora na confección do programa de conferencias deste ano, tentando achegar novos puntos de vista sobre os múltiples aspectos que lle afectan á produción de leite, así como esclarecer os problemas aos que se enfrontan as nosas explotacións.











