As Ruínas de San Domingos estarán abertas ao público en xullo
O presidente da Deputación, Rafael Louzán, e a deputada de Cultura, Ana Isabel Vázquez, afirmaron hoxe que as Ruínas de San Domingos abrirán ó público o vindeiro mes de xullo; así mesmo, destacaron a “alta valoración” que os cidadáns e os colectivos lle fixeron chegar á institución provincial en relación á obra de reparación, restauración e consolidación das ruínas que ultima a empresa Stradia Infraestruturas, adxudicataria por 157.000 euros deste traballo.
Louzán destacou que a dirección de obra lle propuxo á Deputación a realización dunha serie de traballos adicionais centrados no rosetón, os xardíns e as cubertas do edificio patrimonial.
Proposta de traballos adicionais inmediatos
O Departamento de Arquitectura da Deputación considera que o rosetón, un elemento engadido ó edificio orixinal, se debe fixar, xa que está descompensado e ten un grave risco de caída, un feito que non se podía contemplar nin valorar antes da intervención actual.
Segundo a proposta realizada á Deputación, hai unha falta de funcionalidade das cubertas, por agretado e deterioración xeral das pranchas de chumbo, e un problema de conexión entre as canles de desaugamento. O informe contempla que “estas deficiencias manteñen unha relación directa na degradación, tanto dos restos de pintura mural coma do soporte de pedra, coa conseguinte perda de volumes decorativos”.
Proxecto museográfico e plan de dirección
A proposta establece que os espazos axardinados na parte exterior do monumento provocan un ascenso por capilaridade da auga cun alto contido de sales, ó que se suma unha alta achega de contido orgánico, coma excrementos de animais, entre outros. Estas circunstancias representan unha aceleración da degradación do soporte pétreo en forma de tinguiduras, desprazamentos e meteorizacións severas.
A dirección de obra, que, segundo Louzán, está a realizar magníficos traballos de restauración e rehabilitación en distintas dependencias e edificios da Deputación, indica tamén que, a medio prazo, conviría a realización dun proxecto museográfico e a redacción dun plan director para as Ruínas de Santo Domingo, debido á incoherencia que hai nos elementos expostos no interior do edificio.
Este plan director deberá contemplar a elaboración dun estudo histórico-artístico do edificio, a realización dun novo plan de drenaxe e unha análise físico-química para coñecer e tratar as pinturas murais e o soporte pétreo, así como unha completa intervención arqueolóxica.
Segundo este departamento a intervención arqueolóxica debe contribuír con novas achegas para coñecer as ruínas, sobre todo tendo en conta que, durante a realización do actual proxecto de consolidación, apareceron no subsolo da igrexa restos de ósos humanos, pertencentes posiblemente a algún tipo de soterramento do século XVIII.











