publicidade hoxe

As mulleres de Oleiros elaboran un audiovisual que promove o empoderamento en feminino

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaOleiros
A-
A+

Un grupo de mulleres de Oleiros están a elaborar un audiovisual que promove o empoderamento en feminino. Onte finalizou no Centro Cultural A Fábrica o segundo obradoiro de fortalecemento das mulleres e de prevención de situacións de vulnerabilidade desenvolto pola Concellería de Servizos Sociais do Concello de Oleiros. Agora iníciase unha fase de edición e montaxe deste documental, que será proxectado publicamente a mediados do mes de xuño.

Tras un primeiro obradoiro de desenvolvemento emocional a principios de ano titulado Creando o noso mapa, levouse a cabo esta segunda actividade baixo o nome Perfilando o mapa, un obradoiro de arte-terapia que ten como obxectivo elaborar un audiovisual que sirva como ferramenta para fortalecer ás mulleres que participaron na súa elaboración, así como para previr as situacións de vulnerabilidade de moitas outras.

Por unha parte, a elaboración deste vídeo sirve para que as mulleres participantes poidan exercer a súa capacidade de observarse, descubrirse e recoñecerse, amosándose aos demais e fortalecendo a súa identidade e autoestima. Por outra banda, ten outro obxectivo, que é servir como instrumento para o traballo futuro con outras mulleres e que se poidan sentir identificadas coas vivencias e sentimentos que se transmiten. Unha poderosa ferramenta de sensibilización colectiva que se poderá utilizar en todas as numerosas actividades de prevención que se desenvolven nos centros educativos de Oleiros a través da Concellería de Ensino, dentro do marco de actuacións do Plan de Igualdade Municipal.

Ademais, de forma paralela a estes iniciativas, enfocadas ao fortalecemento emocional, vense desenvolvendo semanalmente dende principios de ano o Obradoiro do corpo, unha actividade de exercicio físico integral dende unha perspectiva de xénero.

Estas iniciativas son parte das numerosas actuacións que no ámbito de muller desenvolve o Concello de Oleiros a través do Plan Municipal de Igualdade dende varias das súas áreas: cultura, ensino, bibliotecas municipais, policía municipal, servizos sociais, etcétera. Nelas priorízase a atención integral as vítimas de violencia de xénero e as actuacións de carácter preventivo, especialmente entre a poboación mais nova.

20 de maio de 2015 | 18:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.