publicidade hoxe

As laranxas despiden a liga con tres puntos ante o Orvina

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaBurelaDeportes
A-
A+

As laranxas despiden a liga con tres puntos na casa do Orvina (2-5) e pechando o podio de Primeira RFEF. Ambas as escuadras optaron por despedir a tempada con despregamento de efectivos; nas filas galegas debutou na súa primeira convocatoria Carla González; a peor noticia para o equipo de Iván Cao, Lucas, é a posible lesión de Maite, que non puido participar na cita tras sentir molestias durante o quentamento.

O Burela FS Pescados Rubén apostou polo dominio do xogo e a posesión do balón, aínda que na rapidez na circulación tivo os seus máis e os seus menos. Con todo, Peque adiantou as mariñás xa no minuto 5 en xogada individual tras sortear a defensa local. Cris, no último cuarto antes do descanso, aproveitou para subir o 0-2, ao segundo pau a pase de Bea Mateos.

No segundo período, o Burela ensaiou con Claudia liderando o xogo de cinco. Con esta elección ampliaron vantaxe, no 24, Bea asistida por Peque, e no 26, a pichichi burelista en parede con Gaby. Tan só un minuto despois, o Orvina reduciu a fenda, no rexeite dunha falta. Con todo, o Pescados Rubén non quixo deixar marxe de mellora ás locais e Peque, no 28, practicamente sentenciou co 1-5 cun lanzamento afastado. O definitivo 2-5 chegou no minuto 31, de Uxue. Na recta final, o encontro contaxiouse dun ritmo que foi perdendo forza.

30 de maio de 2015 | 22:45 • Sen comentarios

Comentarios pechados.