As entradas para a Festa-Homenaxe aos Maiores da Laracha estarán á venda ata mañá
O Concello da Laracha organizará a tradicional Festa-Homenaxe aos nosos maiores, un evento que se celebrará o este sábado (16 de maio) e que estará incluído no programa de actividades para festexar o Día das Letras Galegas e o San Isidro Labrador.
A Festa-Homenaxe desenvolverase no pavillón do IES Agra de Leborís. Ás 13:30 horas oficiarase unha misa na propia instalación, a continuación será o xantar e, por último, haberá baile con música en directo.
Para poder participar no evento é preciso adquirir previamente as entradas, que estarán á venda ata mañá xoves nos centros sociais da Laracha (edificio de servizos múltiples), Paiosaco (centro sociocultural) e Caión (antiga reitoral) ao prezo de dez euros. Poderán adquirilas presentando o seu carné de identidade todos os veciños do Concello que sexan maiores de 65 anos de idade, xubilados ou pensionistas.
O Concello da Laracha organiza cada ano este evento co propósito de facer un homenaxe á terceira idade ao mesmo tempo que se lles ofrece unha alternativa de ocio e unha xornada festiva que poderán disfrutar en compañía de familiares, veciños e amigos, reforzando as relacións sociais entre as persoas maiores do municipio.











