publicidade hoxe

As Camiñadas Parroquiais despídense en Ferreira ata o vindeiro ano

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+

Bardaos, Naraío, Santa Mariña, Lamas e, por último, Ferreira. Alí rematou este martes a edición deste ano das Camiñadas parroquiais nas que participaron arredor de 50 persoas. Foron varias rutas cunha dificultade media-baixa aptas para todas as idades cun dobre obxectivo: fomentar as relacións veciñais e coñecer sen présa algúns dos recunchos máis espectaculares do territorio. Porén, a cita co deporte máis barato e saudable -andar a pé- non finalizan de momento. De cara ás próximas semanas haberá outras tres: unha de orientación o venres 5 pola noite, outra de sendeirismo nocturno o venres 19 e, cadrando co mercado local do 28, tamén sairá pola mañá da Casa da Cultura un grupo que percorrerá 13 quilómetros do concello.

A camiñada parroquial por Ferreira foi unha das máis curtas pero, quizais, tamén a máis dura. 21 persoas saíron do local social da Seara con destino ao Pico de Ferreira, situado en liña recta a tiro de pedra. Unha proximidade enganosa, xa que para chegar ao alto primeiro houbo que percorrer un trazado cheo de curvas e cun ascenso pronunciado, sobre todo na recta final do traxecto. 

Malia todo, o grupo avanzou con marcha firme e parando o xusto para agardar polas persoas que ían quedando atrás. Nunha hora escasa chegaron ao pé da cama de San Vicente, onde quen máis e quen menos aproveitou para retratarse ou para lembrar a manchea de lendas que rodean este lugar máxico e cargado de historia aínda por coñecer. 

As talas forestais deixaron o cume despexado e agora este é, sen dúbida, o mellor punto para admirar o fondo de Moeche polas tardes. Na parte máis alta, onde está o miradoiro, tamén hai unha boa vista panorámica de San Sadurniño: Ferreira, Lamas, parte de Igrexafeita,Bardaos, os altos do Furado e da Louseira, parte de Doso e Pedroso… Desde alí divísase unha grande área do territorio que se amosa con mellor detalle polas mañás, canto máis cedo mellor, co sol baixo e dando nas costas de quen mira a paisaxe. Outro momento bo para achegarse ao Pico de Ferreira é o solpor, momento no que os últimos raios enfatizan de novo cunha cor alaranxada as texturas do terreo.

En xuño, máis andadas

De cara ao próximo mes aínda teremos tres oportunidades de coñecer o territorio a pé e dun xeito distinto en dous dos casos. E é que o venres 5 organízase dentro do programa xuvenil “Venres en Sansa!” unha ruta de orientación nocturna aberta a todas as idades -non só á xente nova- que se desenvolverá entre as 23.15h. e a 1 da mañá. Hai que apuntarse na Casa da Cultura e ofrécense 40 prazas. Para o venres 19 hai preparada unha ruta de sendeirismo co mesmo horario, o mesmo número de prazas e co mesmo requisito de inscrición previa. En ambos casos será necesario levar roupa axeitada e lanternas.

Xa para rematar, o domingo 28 -día de mercado local- sairá de diante da Casa da Cultura a última ruta antes das vacacións do verán. Non hai límite de prazas aínda que si de idade, xa que vai dirixida a maiores de 9 anos. Percorreranse 13 quilómetros de dificultade media-baixa e recoméndase levar roupa adecuada, calzado que non sexa novo, auga, algo lixeiro de comer para repoñer forzas -barras de cereais, chocolatinas, etc.- e comunicarlle ao monitorado se se precisa tomar algún medicamento. Quen queira participar pode apuntarse ata o 26 de xuño na Casa da Cultura ou a través do correo electrónico agustin.perez@sansadurnino.dicoruna.es

27 de maio de 2015 | 19:01 • Sen comentarios

Comentarios pechados.