publicidade hoxe

As camiñadas parroquiais descobren San Sadurniño

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaSan Sadurniño
A-
A+
Camiñadas parroquiais

Camiñadas parroquiais

Estes días o tempo parece máis de inverno que da primavera pero aínda así dá algunha tarde de tregua para saír dar unha volta e aproveitar para coñecer un pouco mellor o concello. E se é na compaña de máis xente, mellor. Iso é o que pretenden as Camiñadas Parroquiais que comezaron en Bardaos a semana pasada e que este luns lograron reunir a 25 persoas en Naraío para percorreren parte da ruta do río Castro. Quen queira aínda pode participar nas tres camiñadas que faltan, a de Santa Mariña, a de Lamas e a de Ferreira.

Como guías destas rutas de baixa dificultade actúan as mulleres dos grupos de ximnasia de mantemento de cada parroquia. Os percorridos son relativamente curtos e discorren por carreiros ou camiños que non esixen demasiada forma física e, salvo excepcións, con escaso desnivel. 

Onte en Naraío o grupo saiu do local social da Veiga para achegarse até o castelo e despois volveu ao punto de partida seguindo o curso descendente do Castro. Entre a ida e a volta foron arredor de 6 quilómetros que se completaron en arredor de 3 horas marchando de vagar e facendo paradas para reagruparse, descansar ou contemplar o patrimonio natural e cultural que tingue todo o traxecto.

Para participar nestas rutas non é necesario facer inscrición previa. Abonda con estar no punto de saída á hora e a data sinaladas. Xa van dúas, a de Bardaos da semana pasada e a de Naraío desta, pero aínda quedan tres camiñadas. O mércores 13 ás catro da tarde sairá do local social a de Santa Mariña, o venres 22 de maio á mesma hora comezará na área recreativa a ruta por Lamas e para o 26 de maio -tamén ás 16h.- está posta a saída da camiñada por Ferreira, que arrancará do local social da Seara.

Malia tratarse de paseos liviáns, desde o Concello recoméndase levar calzado cómodo, que transpire ben e que protexa os nocellos. Tamén é aconsellable levar prendas claras ou chaleco reflectante, bebida e algo lixeiro para comer por se temos algo de “debilidá”.

O domingo, á romaría da “O”

Desde a Asociación de Veciños O Castelo de Narahío infórmannos que este domingo día 10 teñen previsto ir a pé á romaría da O. Tampouco fai falla inscrición e a saída está posta para as 10 da mañá do cruzamento do Eirexado. Desde alí o grupo irá medrando ao seu paso por Cabanas, os Torrentes e Liñares. Despois tirará polos Tortos e a Cabrita para enfilar o val de Pedroso e chegar á capela con tempo de sobras para mercar exvotos, rosquillas, ir á misa ou tomar un vermú. 

A intención da asociación é quedar xantar na carpa disposta pola organización ou ben buscar unha sombra preto da capela. Cadaquén deberá levar a súa comida, aínda que tamén hai a opción de mercala na propia romaría que, ademais, ofrece unha chea de actividades de lecer para pola tarde.

5 de maio de 2015 | 12:38 • Sen comentarios

Comentarios pechados.