publicidade hoxe

Artesanía de Galicia impulsa a especialización con cursos de formación en Santiago e Gondomar

A Consellería de Economía e Industria, a través da Fundación Centro Galego da Artesanía e do Deseño, aposta pola oferta formativa para o sector artesán galego coa posta en marcha de dous novos cursos de formación especializada que se celebrarán en Santiago de Compostela e Gondomar (Pontevedra).

A primeira das actividades terá lugar mañá sábado coa celebración, na Fundación Eugenio Granell de Santiago de Compostela, do curso “A experiencia tecida”, impartido pola deseñadora Sara Coleman e o creador téxtil José Bravo. A experiencia deste obradoiro diríxese a xerar unha nova visión en torno ao téxtil, rompendo co tradicional e ofrecendo un enfoque que continúa co movemento Fiber Art, sinalando ao téxtil como material artístico que abre un novo campo para a creación.

Na localidade pontevedresa de Gondomar, as artesás Paula Suárez e María del Mar Fernández impartirán, do 8 ao 13 de xuño, o curso “Técnicas do centón”. No transcurso das 50 horas de duración do curso, os alumnos e alumnas coñecerán de primeira man destas artesás, diversas técnicas para elaborar pezas.

A organización destas actividades de impulso á formación e á colaboración entre artesanía e outras áreas de traballo, que poden consultarse na páxina web artesaniadegalicia.xunta.es, forma parte da estratexia da Consellería de Economía e Industria para promover o talento do sector artesanal galego e consolidar un sector competitivo e transversal, un dos grandes retos do Plan de Artesanía de Galicia.

29 de maio de 2015 | 13:16 • Sen comentarios

Comentarios pechados.