publicidade hoxe

“Araucaria” e “Salao” gañan o Trofeo Porto Exterior

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaA CoruñaArteixoDeportes
A-
A+

O sábado 23 de maio o RCN Coruña celebrou o TROFEO PORTO EXTERIOR, patrocinado desde os seus inicios polo Concello de Arteixo. Ás 15.00 horas dábase a saída da proba sobre un percorrido costeiro de 26 millas náuticas para os barcos de maior porte, e de 20 millas para os de menor eslora, en ambos os casos incluía virar unha baliza na entrada do Porto Exterior de Punta Langosteira, con vento do nordeste e ceos despexados.

Desde a saída o vento sopraba con 13-16 nós de intensidade, e a medida que avanzaba a tarde aumentando de intensidade e establecíase nuns 25 nós con moito mar que complicou a volta á Coruña.

Moita igualdade no grupo de cabeza na clase 0-2, co “Gómez” de Andrés Soto, “Araucaria” de Joaquín Cobelo, “Vitoria” de Jesús Pintos, “O Riás” de Ramón Carnota, “X-Grog” de Ricardo Vara e “U47 de José Mª Peinó navegando moi agrupados. O primeiro barco en completar o percorrido foi o “Gómez” de Andrés Soto, aínda que o vencedor en tempo compensado foi o “Araucaria”, por diante do “Gómez” e en terceira posición a “Vitoria”, en palabras de Joaquín Cobelo, patrón do “Araucaria” comentaba que a parte mais complicada foi o tramo entre “Langosteira” e a “Torre de Hércules”, xa que había moito mar de fronte con refachos de vento que superaban os 25 nós.

Na clase 3-4, o triunfo estivo moi disputado entre dúas tripulacións, o “Salao Too” de David Rivero e o “Argallán” de Domingo Plana. O “Argallán” liderou toda a proba en tempo real e compensado, ata que no tramo de volta a Coruña á altura do “Portiño” rompía a driza de génova e perdían un tempo precioso, que ao cabo sería crucial. O “Salao too” que navegaba por detrás do “Argallán” viron o que ocorría e apertaron, izando spi en canto lles foi posible, sufrindo algún contratempo físico durante a manobra. Ao final, o vencedor sería o “Salao too”, 3 minutos por diante do “Argallán” ao que lle pesou o tempo perdido recuperando o xénova da auga e izándoo coa driza de respecto.

Ao finalizar a regata, celebrouse a entrega de trofeos aos vencedores, e o RCN Coruña ofreceu a todas as tripulacións unha grellada no Pañol do Club.

28 de maio de 2015 | 19:34 • Sen comentarios

Comentarios pechados.