Apróbase o proxecto da obra de reforma do edificio de ximnasio e servizos escolares do Colexio de Barrantes

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaRibadumia
A-
A+

A corporación do Concello de Ribadumia ven de aprobar na súa última sesión ordinaria de Pleno o proxecto da obra de reforma do edificio do ximnasio do colexio de Barrantes. Nesta sesión aprobouse tamén o prego administrativo da adxudicación da obra.  Con este proxecto preténdese reformar o edificio do ximnasio do Colexio de Barrantes. A alcaldesa do Concello de Ribadumia, Salomé Peña, sinalou como “moi necesaria” a obra no ximnasio xa que é un edificio moi antigo.

Con isto procúrase modernizar o inmoble do CPI Julia Becerra Malvar e renovar as instalacións internas para que os estudantes teñan acceso a un ximnasio co equipamento necesario para as actividades que se realizan no seu interior.

O proxecto tamén contempla que unha vez remodelado o edificio, albergue ademais do ximnasio un novo comedor, o Plan Madruga e a escola educativa. A instalación do novo comedor débese á redución do comedor actual pola ampliación dunha nova aula no colexio. Dada a demanda, o comedor farase máis amplo no complexo remodelado.

Por outro lado, o Programa Madruga funciona dende o ano 2005 no concello e atende aos nenos e nenas desde as 7.30 horas ata o inicio da xornada escolar. Ata agora o plan estase a realizar no edificio común con Protección Civil, pero a partir da remodelación trasladarase ó novo ximnasio.

As obras comezarán co fin das clases deste curso escolar para non entorpecer o funcionamento do centro. Espérase que a reforma se desenvolva durante todo o verán e co comezo do novo curso os estudantes xa poidan disfrutar das novas instalacións.

A reforma conta con un presuposto de 304.000 € con cargo ó Plan e Inversións da Deputación de Pontevedra e ó Concello.

Esta mellora enmárcase dentro das obras que se están a levar a cabo no colexio para a remodelación das súas instalacións. Nestes intres, e en colaboración coa Consellería de Educación, estase a levar a cabo a remodelación das instalacións eléctricas e, unha vez finalizadas, continuarase coa substitución dos calefactores por unha caldeira de biomasa.

O ano pasado, e a cargo da entidade municipal, pintáronse as aulas, cambiáronse as fiestras de secundaria e adecuouse o porsche do comedor; ademais das labores de mantemento que se levan a cabo con regularidade para o bo funcionamento do colexio.

8 de maio de 2015 | 18:36 • Sen comentarios

Comentarios pechados.