publicidade hoxe

Apróbanse as bases do concurso de ideas para reformar o mercado municipal de Moraña

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMorañaPontevedra
A-
A+

A Xunta de Goberno da Deputación aprobou este venres as bases que rexerán o concurso de ideas para redactar o proxecto de reforma e transformación do edificio do actual mercado de Moraña. Tal e como se estableceu recentemente no convenio asinado polo organismo provincial e o Concello, este concurso, que se realizará coa intervención dun xurado, é a primeira fase do proxecto de reforma deste inmoble, en desuso e nun mal estado de conservación, para convertelo nun centro cultural.

Debido á singularidade da actuación, segundo se recolle no acordo adoptado pola Xunta de Goberno, o concurso de ideas, a nivel de anteproxecto, premiará a proposta que consideren máis axeitada para realizar a obra, tendo en conta os fins e funcionalidade ós que se quere destinar o inmoble.

18.000 euros para o concurso de ideas

O acordo, aprobado na Xunta de Goberno deste venres, establece as bases para convocar o concurso de ideas para a redacción do anteproxecto da obra, para reformar o actual edificio do mercado municipal de Moraña e convertelo nun centro cultural.

A Deputación destinará 18.000 euros a financiar a convocatoria dese concurso de ideas. Premiarase con 6.000 euros a proposta que o xurado valore coa máxima puntuación; tamén se outorgarán outros dous accésits, pola mesma contía cada un deles, ós proxectos premiados en segundo e terceiro lugar. Así mesmo, as bases aprobadas establecen que se negociará co gañador a redacción do proxecto e a dirección da obra prevista.

Establécese un prazo de 30 días naturais, desde a publicación do anuncio no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra, para presentar as propostas a este concurso.

Segundo o convenio asinado entre a Deputación e o Concello de Moraña, os custos derivados da convocatoria, a redacción do proxecto e a dirección da obra serán financiados con fondos do orzamento provincial de 2015 destinados a estudos e traballos técnicos.

Recuperación de espazos

Unha vez redactado o proxecto, nunha segunda fase levaranse a cabo as obras necesarias para remodelar o actual edificio do mercado municipal.

Para a realización do proxecto e a dirección da obra, que se adxudicarán mediante o procedemento negociado, establecerase un importe máximo de 59.000 euros.

Esta actuación, a reforma e transformación do edificio do actual mercado municipal de Moraña, enmárcase dentro das competencias de traballo da Deputación de Pontevedra a prol da promoción e difusión da cultura en todas as súas manifestacións e dos colectivos que traballan neste ámbito (na actualidade no concello de Moraña hai rexistradas 35 asociacións deportivas, culturais, xuvenís, ampas, corais, de mulleres rurais, musicais, de baile tradicional e terceira idade). Así mesmo, a institución provincial promove a recuperación daqueles espazos e edificacións que non contan coas condicións axeitadas para o seu uso.

29 de maio de 2015 | 17:25 • Sen comentarios

Comentarios pechados.