“Aprendendo a Xogar ” amplía desde hoxe 160 prazas

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaPontevedra
A-
A+

A segunda edición do campus multideportivo da Deputación “Aprendendo a Xogar ” amplía desde hoxe o seu número de prazas desde as 500 iniciais ata case 700, ante a gran demanda das familias, que esgotaron en poucos días a oferta inicial. O novo prazo de matrícula estará aberto desde hoxe mesmo ata que se esgote a cota. As persoas interesadas poderán formalizar as súas inscricións nas oficinas do campo de fútbol do Coruxo FC, en O Vao.

Os interesados nestas novas prazas para o campus, que se desenvolverá na última semana de xuño, teñen que entregar cuberta a folla de inscrición e aboar o prezo da matrícula nas propias oficinas do club.

Os nenos, nacidos entre os anos 2002 e 2009, participarán en máis de 25 modalidades deportivas diferentes, da man de monitores especializados e en presenza de estrelas nacionais e internacionais de moitas destas disciplinas. O campus desenvolverase no céspede do estadio do Coruxo, convertido nunha pista multidisciplinar, así como na praia do Vao, no coñecido como campo de fútbol de Leri e nas instalacións do Club de Campo.

As follas de inscrición poden descargarse da páxina web da institución provincial (www.depo.es). O prezo de matrícula é de 30 euros polo primeiro fillo e 15 euros por cada un dos seguintes, con inscricións gratuítas para os fillos das familias cos dous cónxuxes en paro.

O campus “Aprendendo a Xogar” desenvolverase durante a primeira semana de vacacións estivais dos nenos. Trátase do segundo ano consecutivo que se convoca esta experiencia, na que os deportistas e técnicos de elite formarán os mozos na iniciación de múltiples especialidades, acompañados sempre por monitores profesionais.

Os nenos poderán familiarizarse cos deportes máis populares, coma fútbol, balonmán, baloncesto, atletismo ou ciclismo. Tamén experimentarán con disciplinas coma bádminton, boxeo ou pesca, e con modalidades coma balonmán praia, fútbol praia, petanca, hóckey herba, preparación física para nenos, xogos populares, rugby, béisbol, judo, voleibol de praia ou surf.

Este ano introdúcense disciplinas inéditas no primeiro ano e tamén un curso sobre primeiros auxilios impartido por expertos e adaptado ós nenos.

O campus resultou un éxito de organización e de participación o pasado ano. Nesta edición ampliouse o prazo de matrícula e o número de prazas dispoñibles en atención á gran demanda obtida.

Na actualidade a Deputación mantén abertas e operativas 247 escolas deportivas na provincia, nas que practican deporte máis de 10.000 mozos; case o 80 % destas escolas están representadas en Vigo. A rede deportiva da Deputación é unha das maiores en España e está a ser obxecto de estudo por parte doutras provincias.

Nos últimos anos a Administración provincial construíu 14 campos de herba artificial no municipio e, na actualidade, está a acometer a reforma integral do estadio de fútbol federativo de Coia e a participar na reforma do estadio de Balaídos con 4,7 millóns de euros, a mesma cantidade que achega o Concello de Vigo. En total o investimento en deporte durante os últimos anos supera os 30 millóns de euros na cidade.

26 de maio de 2015 | 17:50 • Sen comentarios

Comentarios pechados.