Apertura do prazo de inscrición para participar en dous cursos Actívate en Mos

PUBLICADO EN: Noticias de GaliciaMos
A-
A+

Onte abriuse o prazo de inscrición no Programa Actívate de actividades formativas e educativas no ámbito do lecer e do tempo libre de interese xuvenil. Estes cursos están organizados pola concellería de Educación e Participación Cidadá mosense. 

Os cursos ofertados son de Acompañante de Comedor Escolar e Acompañante de Transporte Escolar. O primeiro realizarase de luns a xoves do 22 de xuño ó 7 de xullo (17:00-21:00h) e o prazo de inscrición para os interesados rematará o 5 de xuño.

Os obxectivos desta acción formativa son coñecer a normativa legal sobre comedores escolares, adquirir coñecementos básicos en atención de comedores e as condicións ambientais que deben reunir, e adquirir coñecementos sobre as distintas funcións e tarefas do acompañante, así como a organización da actividades e dinámicas para o tempo libre.

O curso de Acompañante de Transporte Escolar levarase a cabo de luns a xoves do 8 ó 23 de xullo (09:00-13:00h) con prazo de inscrición ata o 19 de xuño. 

Os obxectivos deste curso son coñecer a normativa legal sobre transporte escolar e os diferentes sistemas de seguridade nos transportes escolares, adquirir coñecementos básicos en atención educativa, apoio e vixilancia dos nenos dentro dun transporte escolar e adquirir coñecementos sobre as distintas funcións e tarefas do acompañante e a súa importancia na prevención de accidentes. 

Os mozos e mozas que desexen inscribirse para participar nalgunha destas dúas accións formativas deberán achegarse ó Rexistro Xeral do Concello de Mos  en horario de 09:00 a 14:00 horas e entregar debidamente cumprimentado o modelo oficial, que pode descargarse da páxina web municipal, www.mos.es ou obtelo directamente no Rexistro do Concello, Axencia de Colocación ou Multiusos. 

A idade dos participantes deberá ser entre 16 e 35 anos. 

A duración total dos cursos é de 40 horas e serán totalmente gratuítos para os participantes. O número de prazas en cada curso é de 25 é o lugar no que se impartirán será a Aula de Formación da Axencia de Colocación de Mos.

19 de maio de 2015 | 17:56 • Sen comentarios

Comentarios pechados.